AUTORIZAN UNHA BOTICA ANEXA PERMANENTE EN OCA, FIXANDO ASÚA VINCULACIÓN COA OFICINA DE FARMACIA DO FOXO

 A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade atende así a
petición do Concello e a demanda veciñal.
 Entende que, logo de traslado da farmacia de Oca ao casco urbano en
2022, se cumpre o criterio de afastamento da oficina de farmacia máis
próxima a esta parroquia e ás de Loimil, Orazo, Riobó, Berres e San
Miguel de Castro.
 A farmacia máis próxima sería a do Foxo, a uns 8 quilómetros do centro
de saúde de Oca.
 Recolle que, malia existir liñas de transporte público, estas non son
suficientes, nin por distancia nin por regularidade, para dar servizo a
todos os núcleos que requiren acceder á prestación farmacéutica.

O Concello da Estrada vén de recibir unha resolución
da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade en virtude da cal se autoriza a
instalación dunha botica anexa permanente no núcleo de Oca, establecendo a súa
vinculación coa oficina de farmacia situada no Foxo (Rubín).
Esta autorización chega despois de que o Concello presentase unha solicitude formal
perante a consellería, recollendo un acordo plenario de 2023, os informes e
documentación correspondente e tamén o propio sentir dos veciños dunha zona
xeográfica que comprende as parroquias de Oca, Loimil, Orazo, Riobó, Berres e San
Miguel de Castro. Lembrar ao respecto que, a mediados do ano 2022, a farmacia que
había en Oca trasladouse ao casco urbano da Estrada, un cambio que, aínda sendo
lexítimo, supuxo un trastorno de asistencia farmacéutica aos habitantes desta contorna,
que teñen como referencia sanitaria o centro de saúde de Oca.
Cómpre aclarar que as boticas anexas son establecementos de atención farmacéutica
vinculados a unha oficina de farmacia que se destinan a garantir a atención farmacéutica
cando se dan circunstancias de afastamento, difícil comunicación coa oficina de farmacia

máis próxima, altas concentracións de poboación temporais ou cando concorran
situacións de emerxencia que o fagan aconsellable.
A referida resolución recolle que, conforme ao marco xurídico vixente, a botica anexa
debería situarse a unha distancia de 3 quilómetros da oficina de farmacia máis próxima
no caso de xustificarse a solicitude por difícil comunicación, e de 5 no caso de xustificala
por afastamento. “As parroquias ás que se lle pretende garantir o servizo están a máis de
3 quilómetros das farmacias do Foxo, Santa Cruz de Ribadulla e Bandeira”, observan.
O principal motivo que fundamentou a solicitude do Concello da Estrada foi a dificultade
de acceso á atención farmacéutica expresada pola veciñanza e a difícil comunicación dos
núcleos de poboación das parroquias con liñas de transporte público.
A oito quilómetros
Así, os informes que acompañou a administración municipal do Servizo de Mobilidade
pronunciáronse ao respecto do transporte público existente entre as parroquias
afectadas e o centro de saúde de Oca e a oficina de farmacia máis próxima. Recoñecen
que a máis achegada sería a do Foxo, a unha distancia aproximada de 8 quilómetros
deste centro de saúde de referencia. Engaden que, a día de hoxe, non existe ningún
servizo de transporte público interurbano que comunique o centro de saúde, as
parroquias indicadas e a devandita farmacia do Foxo.
A resolución asume que o número de oficinas de farmacia que, por módulos
poboacionais, lle correspondería á Estrada é de oito. Na actualidade, A Estrada conta con
11, das que oito están no núcleo urbano estradense a as outras tres nas parroquias de
Rubín, San Xurxo de Vea e Codeseda. Oca, pola súa banda, contou con oficina de
farmacia dende o ano 1967 ata que se realiza ou seu traslado en 2022 (por sentencia do
Tribunal Superior de Xustiza, tras resolución desestimatoria da Secretaría Xeral).
Non máis oficinas
Apúntase que, polo tanto, a zona farmacéutica da Estrada non cumpre os requisitos para
a instalación de máis oficinas de farmacia, se ben tamén se recoñece que existen
dificultades acreditadas para o acceso da poboación á asistencia farmacéutica da zona.
En conclusión, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade entende que a
parroquia de Oca cumpre o criterio de afastamento da oficina de farmacia máis próxima
aos núcleos de poboación referidos polo Concello e que, malia existir liñas de transporte
público, estas non son suficientes, nin por distancia nin por regularidade, para dar
servizo a todos os núcleos que requiren acceder á prestación farmacéutica.

Acompañando nesta resolución a vinculación desta botica anexa coa oficina de farmacia
do Foxo, a titular da mesma será informada para que poida expresar a súa aceptación
expresa ou renuncia a dita vinculación.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.