XIRA DE DESPEDIDA PARA A OBRA DE TEATRO “OS SERÁNS DEVILANCOSTA”, CON PASES NO PRINCIPAL, EN BRAGA E NA CORUÑA

 O departamento de Cultura ten xa á venda as entradas para a función da
Estrada, programada para o venres 20 de febreiro.
 Na cidade lusa o elenco da peza, que pon rostro á figura de Avelina
Valladares, actuará o día 21 no marco do Festival Convergências
Galicia-Portugal.
 Na obra, dirixida por Santiago Cortegoso, conflúe a colaboración da
EMAE e Tequexetéldere, con 50 artistas sobre o escenario.

O departamento municipal de Cultura da Estrada ten
dende hoxe á venda anticipada as entradas para gozar da última función no municipio da
obra “Os seráns de Vilancosta”, unha peza teatral dirixida por Santiago Cortegoso e que
se estreou en 2025, no marco do Ano Cultural Avelina Valladares. O pano subirá no
Teatro Principal o vindeiro venres, 20 de febreiro, ás 20.30 horas.
Esta será a primeira das tres funcións que contempla a pequena xira coa que esta peza se
despedirá dos escenarios. Cómpre lembrar que na súa posta en escena se implicaron
actores da Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) e integrantes da agrupación
Tequexetéldere, contando coa ilustradora Rosa de Cabanas para dar vida a algúns dos
espazos relacionados coa familia dos Valladares de Vilancosta.
Baseada nun libro homónimo que o Concello da Estrada presentou tamén no marco do
Ano Cultural de 2025, esta montaxe conta con máis de 50 artistas e vai máis alá dunha
simple homenaxe a un dos referentes femininos do Rexurdimento, tratando de poñer en
valor e visibilizar a figura de Avelina Valladares, subliñando o seu carácter pioneiro,
valeroso e profundamente xeneroso que lle era propio.
Despois de despedirse no Teatro Principal, ofrecendo unha nova oportunidade de gozar
desta obra a aqueles que non tiveron ocasión de facelo nos pases anteriores, “Os seráns
de Vilancosta” chegará o sábado 21 de febreiro á cidade portuguesa de Braga. Alí está
programada unha función ás 21.30 horas (hora local), no marco do Festival
Convergências Galicia-Portugal.

Xa o 28 de febreiro a representación chegará á cidade da Coruña, cunha función no
Centro Ágora, prevista para as 19.30 horas.
Cómpre lembrar que esta peza axuda a poñer rostro á Cantora da Ulla, unha Avelina
Valladares á que o Concello da Estrada dedicou o Ano Cultural 2025, no bicentenario do
seu nacemento e coa pretensión de poñer o foco nunha autora do Rexurdimento que
quedou eclipsada polo seu célebre irmán, o lexicógrafo e escritor Marcial Valladares
Núñez

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.