As propostas poden presentarse ata o vindeiro 20 de febreiro.
O galardón entregarase o domingo 8 de marzo, nun acto aberto e
programado para as 19.00 horas no MOME.
O Concello da Estrada abriu hoxe o prazo para a
presentación de candidaturas ao seu Premio Honorífico ao Labor das Mullleres,
organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) municipal e co obxectivo de
recoñecer o labor e traxectoria daquelas mulleres da Estrada que, de xeito individual ou
colectivo, ben a través de entidades públicas ou privadas, teñan contribuído ao longo
dos anos ao apoderamento da muller. As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro
20 de febreiro.
Dende a concellería que dirixe Amalia Goldar animouse hoxe á cidadanía á presentar as
súas candidaturas. Poderán ser candidatas todas aquelas mulleres que nacesen,
residisen ou residan na Estrada e que desenvolvan aquí a súa actividade social,
empresarial ou cultural. Tamén poden selo todas aquelas entidades públicas ou
privadas, empresas ou asociacións que desenvolveran ou veñan desenvolvendo a súa
actividade social, empresarial ou cultural na Estrada.
Tres vías
Existen tres formas de presentar candidaturas: por proposta dalgún dos membros do
xurado; por iniciativa propia ou a instancia de terceiros no Rexistro Central do Concello
da Estrada ou por valoración de candidaturas que non resultaran premiadas en
convocatorias previas.
O xurado estará composto por persoas representativas procedentes dos ámbitos da
igualdade de oportunidades, do mundo empresarial, cultural e institucional da Estrada.
Nel estarán integrada a titular de Benestar Social, Amalia Goldar, a concelleira de
Cultura, Lucía Seoane, un representante de cada grupo político da oposición municipal,
un representante dunha asociación empresarial, comercial ou hostaleira por sorteo e un
representante sindical, tamén por sorteo. Tamén formarán parte del unha persoa do
eido cultural elixido por consenso e unha representantes das asociacións de mulleres,
escollida por sorteo entre as rexistradas no municipio. A directora do CIM, Magarita de la
Calle, actuará en calidade de secretaria.
O xurado manterá unha reunión entre o día 1 e o 7 de marzo para emitir o seu fallo, que
se adoptará por maioría simple e inapelable. O premio entregarase nun acto público
programado o domingo 8 marzo, as 19.00 horas, no MOME.
O premio constará dun recoñecemento simbólico mediante a entrega dunha escultura
conmemorativa a unha única persoa ou entidade galardoada e sen dotación económica.
Entre os criterios que valorará o xurado para a elección figuran a traxectoria persoal,
empresarial ou social das candidatas; os puntos relevantes de dita traxectoria; a
repercusión e pegada do seu labor entre a cidadanía ou a visibilización de mulleres que
desenvolvesen actividades que promovan o apoderamento dentro do ámbito da
igualdade






































