O alcalde reúnese sobre o terreo con persoal de Erimsa e un xeógrafo.
A empresa, propietaria da explotación mineira, realizará tamén un
acceso alternativo paralelo á estrada que quedou cortada e dá acceso ao
núcleo de Adoufe.
Gonzalo Louzao incide en que a estrada permanecerá pechada ata que
se poida asegurar que non existe risco de novos desprendementos de
terra.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, trasladouse
esta tarde novamente ata a parroquia de San Miguel de Castro, onde o pasado sábado
un corremento de terras no rebaixe dunha explotación mineira derivou na caída dunha
torre de media tensión e no corte dunha estrada municipal polo desprendemento do
cableado eléctrico. Antes de reunirse cos veciños, o rexedor estradense quixo manter un
encontro con representantes da firma Erimsa e co xeólogo que estudará a estabilidade
do terreo.
Ao remate da reunión, celebrada sobre o terreo e na que tamén participou a alcaldesa
de barrio, Isabel González, tomouse a decisión de construír un muro de escollera para a
contención das terras e asegurar así a estrada que conduce ao lugar de Adoufe. A
segunda actuación será habilitar un acceso alternativo a este núcleo, uns metros máis
arriba.
A estrada que conduce a Adoufe foi o único patrimonio municipal afectado polas
consecuencias deste corremento de terras. Aínda que o cableado xa fora retirado, o
Concello adoptou a resolución de manter o acceso pechado ata que un xeógrafo
certificase a estabilidade do terreo, unha medida preventiva ante a posibilidade de que
se puidese rexistrar un novo desprendemento de terras.
O alcalde precisou que as obras comenzarán mañá mesmo. Construirase un muro de
pedra para a contención das terras desprendidas á altura da estrada, co fin de conseguir
que se manteña o terreo e evitar que continúen os desprendementos.
Ademais, Louzao Dono sinalou que Erimsa apostou por habilitar unha estrada
alternativa “uns metros máis arriba, unha estrada paralela en terreos superiores de
canteira”. Esta actuación tamén se porá en marcha mañá.
As dúas son medidas de seguridade terán un carácter previo a poder abrir novamente á
circulación a estrada municipal que quedou afectada. “Antes de abrir novamente este
acceso a Adoufe necesitamos a confirmación do xeógrafo de que a contención está feita
e xa hai seguridade”, sinalou o alcalde, aludindo ao momento no que se remate o muro
de contención. “Aínda así, a empresa propón un segundo viario, tamén como medida de
seguridade”, engadiu.
Despois do desprendemento do sábado buscouse como solución inmediata e
provisional o paso dos veciños de Adoufe polos terreos da canteira. Empregouse unha
pista forestal mellorada con zahorra, pero o paso é estreito e esixe unha alternativa.
Despois da reunión con Erimsa, o alcalde visitou a estrada cortada e reunise cos veciños
para coñecer se teñen algunha outra necesidade ou petición. Insistiu Gonzalo Louzao en
que as intensas e prolongadas precipitacións fan que non sexa sinxelo traballar no
terreo, polo que insistiu en que a información ten que irse actualizando “día a día”.







































