O mal tempo agrava un estado “absolutamente lamentable” do paso
desta estrada nacional no que “chove sobre mollado”.
“Xa non valen parches nin arranxos improvisados”, di o alcalde,
sinalando a presenza dunha brigada de mantemento esta mañá na vila.
O Concello leva dende abril de 2025 sen noticias nin respostas pola
situación do firme, a variante da Estrada ou a perigosidade dos pasos de
peóns na travesía urbana.
“Podemos poñerlle un toque de humor, como fixeron outros partidos ao
colocarlle as novas balizas ás fochancas, pero gracia fai xa a xusta. É un
asunto moi serio e un problema de seguridade que ao Goberno Central
parece non importarlle nin o máis mínimo”, apunta Gonzalo Louzao.
“En contra do que algúns cidadáns poden pensar, a N-640 non é
competencia do Concello. Corresponde ao Ministerio ofrecer unha
solución ás queixas reiteradas dos veciños”, lembra.
“A veciñanza da Estrada non pode seguir agardando
mentres o firme se desfai día a día”. Son palabras do alcalde estradense, Gonzalo Louzao
Dono, nunha nova declaración pública polo estado “absolutamente lamentable” que
presenta a N-640 ao seu paso polo casco urbano, unha situación que se vén agravando
nos últimos meses -e de xeito especial coas sucesivas semanas de intensas
precipitacións- e que supón un risco evidente tanto para a seguridade viaria como para o
benestar dos cidadáns.
“Chove sobre mollado. Podemos poñerlle un toque de humor, como fixeron outros
partidos ao colocarlle ás fochancas as novas balizas que o Goberno fixo obrigatorias,
pero gracia fai xa a xusta. Isto é un asunto moi serio e un problema de seguridade que
non semella importarlle nin o máis mínimo”, continúa Louzao. O rexedor aproveitou a
ocasión para lembrar que forzas políticas como o BNG apoiaron a investidura dun
Goberno do PSOE que mantén incumprido o compromiso cunha variante da que
ninguén sabe nada.
“O pavimento está desfeito, cheo de socavóns, e cada día vai a peor”, asegura o alcalde,
que advirte de que “estamos a falar dunha vía moi transitada, pola que circulan a diario
centos de vehículos, incluídos autobuses e servizos de emerxencia”, engade.
Segundo incide o mandatario, o Concello leva tempo advertindo desta problemática ao
organismo competente, sumando ás queixas polo mal estado desta nacional a histórica
demanda da variante da Estrada. “Desde o Concello puxémonos en contacto co
Ministerio e tamén coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A última vez foi no
mes de abril de 2025, e desde entón non recibimos ningunha resposta”, conforfma. “O
silencio sobre a N-640 é incomprensible e inaceptable”.
Hai practicamente un ano, o rexedor estradense aplaudiu publicamente traballos de
mellora no firme á altura de Callobre, consciente de que era un “mínimo parcheo” e de
que o obxectivo segue sendo a variante. Porén, a intervención foi de todo superficial e
non cubriu máis que un reducido tramo. Aos poucos días da súa chegada, a maquinaria
retirouse.
“Xa non valen parches nin arranxos improvisados”, dixo Louzao, sinalando a presenza
dunha brigada de mantemento esta mañá na vila. “O mínimo que fai falta é unha
intervención seria e integral que garanta a seguridade e unha circulación digna”, afirma
o rexedor, que recalca que “o firme se está desfacendo literalmente diante dos nosos
ollos”.
Competencia do Estado
“En contra do que algúns cidadáns poden pensar, a N-640 non é competencia do
Concello. A administración municipal non é a titular desta vía. Corresponde ao
Ministerio ofrecer unha solución ás queixas reiteradas dos veciños. O Concello é aquí
unha vítima máis deste abandono”, puntualiza o alcalde. “Claro que, fronte ao silencio
amosado dende o Goberno Central, nós seguiremos falando alto e claro, tantas veces
como faga falta, ata que o Ministerio asuma as súas responsabilidades cos usuarios
desta estrada e coa nosa veciñanza”, asegura. Louzao Dono confirmou este mediodía a
intención do executivo que encabeza de reitarar as súas peticións ao Ministerio e á
Subdelegación do Goberno para unha actuación inmediata que corrixa a grave situación
da N-640.
A punta do iceberg
O alcalde da Estrada sinala que o mal estado da N-640 ao seu paso polo municipio “é a
punta de iceberg”. “A situacion que presenta é unha vergoña que está á vista de todos,
pero tamén nos preocupa o que non se ve”, dixo Gonzalo Louzao. Foi entón cando se
referiou á perigosidade, cada vez máis agravada, dos pasos de peóns sen semáforo da
travesía urbana.
Tras sinalar que esta estrada nacional atravesa o casco urbano estradense de extremo a
extremo como unha situación “completamente anómala” en localidades tan poboadas, o
alcalde aputou que o Concello remitiu ao Ministerio de xeito reiterado os informes da Policía
Local advertindo da perigosidade dos pasos de peóns, incluíndo propostas de actuación para
diminuír un risco que xa se cobrou vítimas mortais. “Seguimos agardando”, lamentou.







































