LOUZAO PON EN VALOR O TRABALLO DOS SERVIZOS MUNICIPAIS NOTREN DE BORRASCAS E PIDE Á VECIÑANZA “PACIENCIA, SENTIDIÑO ECOMPRENSIÓN”

 O alcalde comparte a inxente carga que soportan algúns traballadores
municipais para prestar axuda ante este volume de incidencias e tamén
as situacións de perigo das que é preciso protexelos.
 Só nas últimas horas, Emerxencias da Estrada contabilizou unha
trintena de intervencións.
 “Onte escribinlles para saber como lles fóra o día e contestáronme:
aínda chegamos agora á base dende o mediodía e sen comer. Eran as
00.40”, traslada o rexedor.
 Pon de relevo a necesidade de garantir a seguridade dos traballadores,
caso dos electricistas, aos que o vento lles dificulta traballar, nunha grúa
e nun poste, a varios metros de altura.
 Segundo os rexistros municipais, só nos últimos 15 días os servizo de
electricistas do Concello contabiliza máis de 90 avisos por incidencias.

O alcalde da Estrada quixo poñer hoxe en contexto o
escenario que xera a cantidade de incidencias e avisos que o Concello, principalmente a
través dos seus servizos de Emerxencias, Obras e Electricidade, está a recibir a
consecuencia das borrascas que se veñen encadeando nas últimas semanas e que deixan
un regueiro de inundacións, árbores caídas e problemas no alumeado público. O rexedor
pediu á cidadanía “paciencia, sentidiño e comprensión”, compartindo a inxente carga
que soportan algúns traballadores municipais para prestar axuda ante este volume de
incidencias e tamén as situacións de perigo das que é preciso protexelos.
Ante os micrófonos da emisora municipal Radio Estrada, como convidado do programa
de Neves Rodríguez, Gonzalo Louzao ironizou con que, a media mañá de hoxe a noticia
destacada era a saída do sol. Ese cese temporal -e breve, segundo as previsións
meteorolóxicas- das chuvias chegaba despois de dúas xornadas “tremendas” para o
servizo Emerxencias A Estrada , que se enfrontou a unha trintena de intervencións en
poucas horas. “Onte escribinlles para saber como lles fóra o día e contestáronme: aínda

chegamos agora á base dende o mediodía e sen comer. Isto eran as 00.40”, leu en directo
e no seu teléfono móbil o alcalde.
“Chove sobre mollado e onte (polo mércores) quizais foi o día en que máis botaron por
fóra os ríos”, continuou, antes de ofrecer un pequeno balance da xornada para o citado
servizo. “A quenda de onte: 14 árbores en parroquias como Santa Mariña de Barcala,
Arnois, Ribeira, Olives, Rubín, Guimarei, Baloira, Matalobos, Lagartóns, Tabeirós, Ribela,
Vinseiro ou Orazo, así coma cables caídos en Matalobos e Loimil; uralitas soltas na
Avenida de Marín, un portal solto na Rúa Pintor Maside ou anegamentos na Praza da
Feira ou en Pontevea, cunha estrada afectada polo desbordamento dun río”, resumiu.
Dificultades engadidas
“Eu quería poñer un pouco en contexto o traballo do día a día, o que se está facendo. E
falo de Emerxencias, pero tamén os servizos de Obras e de Electricistas”, apuntou o
rexedor. Sinalou que o número de actuacións que teñen estes últimos traballadores
resulta moi difícil de abordar.
Despois de sinalar que “os leds están moi ben pero son moito máis sensibles cando hai
tronadas” e disparan o volume de intervencións, comentou que os electricistas
municipais “estaban preocupados porque me dicían se podían traballar na fin de
semana, que daban bo, porque onte lles foi imposible traballar a eses metros de altura
nunha grúa e nun poste”.
Logo de valorar e agradecer que estas brigadas estiveran dispostas a sacrificar o seu
tempo libre para que os servizos se recuperen o antes posible, puxo o acento na
importancia que ten garantir a propia seguridade dos traballadores. “Traballar coa
electricidade, co risco que supón o vento e coa chuvia, aínda que eles digan que esta
última é a que menos lle importa, é para poñer moi en valor o seu traballo”, sinalou o
rexedor estradense.
Quixo aproveitar para poñer en contexto esta situación para que a veciñanza saiba “que
cando está esperando a que lle arranxen estas incidencias no alumeado é porque a carga
de traballo é moitísima e as condicións de seguridade para os traballadores están tamén
comprometidas polas inclemencias meteorolóxicas”. Segundo os rexistros municipais,
só nos últimos 15 días os servizo de electricistas do Concello contabiliza máis de 90
avisos por incidencias.
Pistas estragadas
“O mesmo pasa con Obras. As vías públicas sufriron moitísimo. E non nos permite
traballar. A brigada de bacheos leva dende o Nadal parada para facer mantemento das
vías e non se pode asfaltar con este tempo. Quedou todo estragado. Cada vez vense
problemas máis graves que non somos quen de arranxar a curto prazo porque este

tempo fai que, cando hai un bache, hai unha poza e nesa poza non se dá botado ningún
tipo de material que dure”, resumiu Gonzalo Louzao.
“Pedimos paciencia, sentidiño e comprensión. Que a xente conduza con moito coidado e
que falemos de incidencias que teñen solución. Estes temporais fixeron moito dano nos
espazos públicos pero, pouco a pouco, iranse resolvendo”, concluíu o alcalde da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.