O tráfico por estas céntricas vías quedará restablecido dende as 14.00
horas e xa de xeito definitivo.
As obras centraranse agora no empedrado, colocación da fonte e da
iluminación, incluíndo a mítica Farola.
O alcalde sinala que os traballos avanzan “a pasos axigantados” e
agradece á empresa que non detivera nunca as obras, aínda con tantos
días de temporal.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, puxo hoxe
data e hora á recuperación do tráfico nas vías afectadas pola obra de peonalización e
reforma da Praza da Galicia: rúas 56, San Paio e Pérez Viondi. “Dixemos días atrás que
queriamos abrir esta contorna ao tráfico antes da Semana Santa e hoxe podemos
confirmar que será xa este venres, ás 14.00 horas, cando quede restablecida
definitivamente a circulación”, sinalou o dirixente local, apuntando que esta apertura
permitirá recuperar a conexión dende a Praza de Galicia coas rúas Peregrina e Avenida
de América.
“Imos restablecer a normalidade no tráfico”, continuou o xefe do executivo estradense.
“A obra vai dando pasos axigantados e eu quero agradecer á empresa [Taboada y
Ramos] que durante o tempo de tantas chuvias avanzou sen parar en ningún momento”,
recoñeceu Louzao, antes de engadir: “e quero agradecer tamén a todo o comercio e
hostalería local que, nese entorno da Praza de Galicia estiveron prexudicados
puntualmente, porque as obras hai que facelas e os cortes de tráfico foron inevitables”.
O alcalde apuntou de seguido que agora os traballos van continuar co empedrado de
toda a superficie da praza en si. Seguirán tamén co axardinamento, coa colocación da
fonte e da iluminación, incluíndo neste apartado a mítica Farola que lle dá nome oficioso
e popular á Praza de Galicia. “Afrontaremos así o último mes e medio de obras, que van
levarnos ata mediados do mes de maio”, concluíu o dirixente local.
A esta apertura á circulación polas rúas San Paio, 56 e Pérez Viondi chégase despois de
que nos últimos días se estiveran facendo os anunciados traballos de formigonado, aos
que foi preciso concederlle uns días para o secado e consolidación antes de posibilitar o
paso do tránsito rodado







































