O servizo municipal conta actualmente con 26 usuarios, dos que 15
acoden en xornada completa e 11 en réxime de media xornada.
As instalacións están emprazadas no primeiro andar do edificio do Novo
Mercado e funcionan de luns a venres, en horario de 09.00 a 19.00
horas
O Concello da Estrada, da man da Asociación Galega
para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA), conmemora mañá
mércores o sétimo aniversario do Centro de Día municipal, operativo no primeiro andar
no edificio do Novo Mercado. O servizo conta actualmente con 26 usuarios e funciona
en horario de 09.00 a 19.00 horas.
Para conmemorar os sete anos transcorridos dende a apertura está convocada unha
xornada de portas abertas, que se desenvolverá de 10.30 a 12.30 e de 16.00 a 18.30
horas, facilitando que todos os interesados poidan visitar e coñecer as instalacións
municipais que xestiona Agadea.
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán participar en distintas actividades
terapéuticas e dinámicas grupais, centradas na estimulación cognitiva, física e social,
coñecendo de primeira man o traballo profesional que se leva a cabo coas persoas
usuarias diariamente.
Dos 26 usuarios do Centro de Día da Estrada, 15 asisten ao servizo en xornada completa
e outros 11 acoden ao centro en réxime de media xornada. O maior destes usuarios ten
60 anos e o maior ten 100. Algúns deles fan uso do servizo de transporte adaptado que
brinda Agadea para a conexión entre a súa residencia e o centro.
Despois de que o Concello conseguise a ampliación deste Centro de Día, elevando a súa
capacidade ás 40 prazas, indícase que as persoas interesadas en incorporarse a este
servizo poden poñerse directamente en contacto con Agadea nas instalacións, se ben
tamén se derivan usuarios dende o departamento municipal de Servizos Sociais.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, visitará mañá ás 11.00 horas este centro,
acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, nun acto no que tamén
estará presente a presidenta de Agadea, Isabel Gey, os usuarios e varias familias.
Ademais de toda a estimulación e coidado que proporciona o Centro de Día da Estrada,
o servizo conta con comedor, rehabilitación maior e menor, fisioterapeuta e servizos
externos de podoloxía e perruquería.
Desde Agadea sublíñase a importancia deste tipo de iniciativas para visibilizar o papel
dos coidados, promover o envellecemento activo e ofrecer apoio ás familias, facilitando
tamén un espazo de encontro e intercambio de experiencias.
A actividade de portas abertas deseñada por este sétimo aniversario está aberta a toda
a veciñanza, especialmente a persoas maiores e familiares que queiran coñecer recursos
de atención e acompañamento.






































