RAPA DAS BESTAS SOLICITA AO CONCELLO QUE A ESCULTURA DOSCABALOS SEXA REUBICADA NA PARROQUIA DE SABUCEDO

 A entidade propón varios emprazamentos para unha escultura que
estaba situada no illote onde conflúen o arranque da Rúa San Paio e o
remate da Rúa 56.
 Suxire colocala no inicio da vía de acceso á aldea que pasa por diante
do teleclub; nas inmediacións do curro do Campo do Medio ou nas
proximidades do Curro Vello de Sabucedo.
 O goberno valora a petición para ofrecer unha pronta resposta á
asociación.

A Asociación Rapa das Bestas vén de formalizar a
presentación dunha instancia na que solicita ao Concello da Estrada que a estatua
homenaxe á tradición estradense que preserva este colectivo sexa reubicada na
parroquia de Sabucedo. A entidade propón varios emprazamentos para unha escultura
que, ata o inicio da reforma da Praza de Galicia e a súa contorna, estaba situada no illote
onde conflúen o arranque da Rúa San Paio e o remate da Rúa 56.
No escrito rexistrado por esta asociación, a mesma que impulsa a única Festa de Interese
Turístico Internacional que existe na Estrada, propóñense tres posibles emprazamentos
alternativos para a estatua que representa a dous garañóns de Sabucedo: o inicio da vía
de acceso á aldea que pasa por diante do teleclub; as inmediacións do curro do Campo
do Medio ou as proximidades do Curro Vello de Sabucedo.
Polo de agora, o goberno local non se pronunciou ao respecto desta petición. O alcalde,
Gonzalo Louzao, sinalou hoxe que o Concello tentará ofrecer unha resposta a este
pretendido traslado nestes días, tendo en conta a proximidade ao remate das obras na
contorna da Praza de Galicia.
O rexedor asumiu que Sabucedo sería tamén un lugar máis que oportuno e axeitado
para que luza a obra elaborada polo escultor estradense Manuel Campos Vilaverde,
tendo en conta todo o que a Rapa das Bestas representa para a que, sen xénero de
dúbidas, é a parroquia máis internacional e turística do Concello da Estrada.

O mandatario encadrou a petición da Rapa das Bestas no contexto de boa sintonía e
colaboración entre o Concello e esta asociación e sinalou que a proposta está a ser
estudada, recoñecendo que comprende a solicitude desta peza para a parroquia.
A obra en cuestión naceu no ano 2000 para converterse nun agasallo ao municipio
gaditano San Fernando, no marco dunhas xornadas tendentes a formalizar un proceso
de irmandade. Pero, finalmente, en 2001 decidiuse que a peza quedara na Estrada e foi
instalada preto da Praza de Galicia.
Nestes anos a escultura foi saltando de cando en vez á actualidade local por seren vítima
de diversos actos vandálicos, a miúdo centrados na cola dos cabalos e nas orellas. De
feito, en varias ocasións foi preciso pedir ao escultor obras de reparación.
Albergue e carballeira
Noutra orde de cousas, na parroquia de Sabucedo continúan as obras de mellora do
albergue turístico, unhas instalacións que o Concello resolveu arranxar con vistas a unha
cesión do uso e explotación á entidade que preside Paulo Vicente Monteagudo.
Agárdase que esta actuación poida quedar rematada xa para a próxima edición da Rapa.
Non é esta a única obra que se está executando nesta parroquia estradense, xa que nos
últimos meses se estivo traballando na revalorización e mellora do Campo do Medio.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.