Será aprobado no pleno correspondente ao mes de maio, que se celebra
mañá
No marco do Ano Cultural Virxinia Pereira, o goberno
estradense anunciou a finais do mes de xaneiro a intención de impulsar un expediente de
irmanamento entre A Estrada e o Concello de Rianxo, un marco dende o que estes dous
municipios poidan seguir divulgando e preservando conxuntamente a historia e o legado da
parella que conformaron a estradense Virxinia Pereira Renda e o rianxeiro Alfonso Daniel
Rodríguez Castelao. Este irmanamento poderá tomar forma coa aprobación do
Regulamento de Honras e Distincións do Concello da Estrada, un documento do que a
administración municipal carecía ata o de agora.
O regulamento figura na orde do día do pleno correspondente ao mes de maio, que se
celebrará mañá xoves (20.30 horas). Ten por obxecto a regulación de réxime xurídico das
honras e distincións que o Concello da Estrada decida conceder a persoas ou institucións,
pero tamén contempla cuestións como o propio expediente de Irmanamento ou a
declaración de loito oficial no municipio.
No apartado de honras e distincións, o regulamento que se eleva a pleno establece os
seguintes títulos para premiar especiais merecementos ou títulos extraordinarios:
• Medalla do Concello da Estrada: para aprobación da concesión desta distinción
requírese acordo plenario adoptado por maioría absoluta. Outorgaráselle a aquelas
persoas físicas ou entidades públicas ou privadas que destaquen polos seus
merecementos ou a súa traxectoria no sector turístico, cultural, veciñal, artístico,
musical, deportivo, empresarial, social, científico ou similares.
Esta distinción correspóndese coa imposición dunha medalla co escudo do Concello
e a coa entrega dun diploma, nun acto solemne e procurando que coincida coa data
das festas patronais.
• Título de Fillo/a predilecto/a: distingue a persoas, nacidas na Estrada ou cunha
traxectoria vital que discorra maioritariamente no municipio, que destaquen polos
seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico,
social, artístico, deportivo, político ou económico, ou por servizos prestados en
beneficio do municipio. Aprobación por acordo plenario e distinción coa entrega dun
pin de solapa co escudo do Concello da Estrada e diploma.
• Titulo de de fillo/a adoptivo/a: persoas que, sen naceren no municipio, manteñan
vínculos especiais con el e que destaquen polos seus méritos ou calidades persoais,
especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político
ou económico, ou por servizos prestados en beneficio do municipio. Aprobación por
acordo plenario e distinción coa entrega dun pin de solapa co escudo do Concello da
Estrada e diploma.
• Salmón de Ouro: persoas ou entidades nas que concorra un mérito ou méritos nos
eidos turístico, cultural, veciñal, artístico, musical, deportivo, empresarial, social,
científico ou similares a prol do Concello da Estrada. Concesión por decreto de
Alcaldía e correspondente coa entrega dun pin coa forma do salmón.
• Título de Ilustre Visitante: Para persoeiros de especial relevancia que visiten A
Estrada e sexan recibidos oficialmente polo Concello. Por decreto de Alcaldía e
consistente na entrega dun pin de solapa co escudo da Estrada.
• Méritos ao persoal traballador: Outorgado a aqueles traballadores municipais se
xubilen ou cumpran 25 anos de servizo ao Concello da Estrada. Por decreto da
Alcaldía e consistente na imposición dun pin de solapa, procurando coincida co
brinde de Nadal.
• Cronista oficial da Estrada: poderá darse este título a persoas que acreditaran un
profundo coñecemento do pasado histórico da Estrada mediante publicacións
científicas e actividades culturais relevantes. A aprobación require acordo plenario
e un expediente informado polo departamento de Cultura. Consistirá na imposición
dun pin do concello e diploma artístico co escudo municipal, buscando que a entrega
coincida coa data das festas patronais.
O regulamento tamén contempla a dedicación/denominación de lugares públicos da
Estrada, sinalando que lle corresponde ao pleno aprobar outorgar a vías municipais, espazos
ou instalacións o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo
da corporación, reúnan méritos suficientes.
En canto ao loito oficial, sinálase que se poderá acordar mediante decreto a Alcaldía cando
circunstancias ou feitos de especial transcendencia así o requiran. Comportará que as
bandeiras ondeen a media hasta nos edificios municipais.
Outros acordos
No pleno de mañá tamén se abordarán outras cuestións, caso da reversión acordada
pola Consellería de Presidencia en relación aos terreos e o edificio que ocupaba antes o
Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Número 1 da Estrada en favor do Concello
da Estrada. Será acordada esa reserversión, como paso previo ao inminente traslado (de
carácter provisional) das dependencias da Unidade de Atención Temperá.
De igual xeito, no pleno tratarase a modificación, nos departamentos correspondentes,
do cambio de nomenclatura e renumeración no lugar da Pica (parroquia de Moreira),
que figuran de xeito errado como A Pía.





































