Empresas turísticas como Interrias, Grupo Airmet, Asociación Galega
de Axencias de Viaxes (Agavi), Amextrem-Agetan, Federación Galega
de Turismo Rural (Fegatur) ou a Asociación Profesional de Guías de
Turismo de Galicia (APIT) compartiron este Workshop con axentes
turísticos do municipio
A Estrada acolle esta semana o Fam Trip (abreviatura
de Familiarization Trip) dirixido a touroperadores e axencias de viaxe, co obxectivo de
que coñezan de primeira man o potencial turístico deste municipio. A iniciativa está
impulsada pola Deputación de Pontevedra, o Concello e o sector da sidra, que esta mañá
abriu tres dos seus lagares á visita de todos os participantes.
Logo de coñecer esta tarde atractivos turísticos tan representativos da Estrada como o
Pazo de Oca, déronse cita no Restaurante Samaná para participar nun Workshop ou, o
que vén sendo o mesmo, nun foro de intercambio de impresións no que os
touroperadores e axentes locais analizaron o potencial que ten A Estrada para medrar
como destino turístico. A pretensión final desta experiencia é que estas empresas
turísticas rematen por ofertar A Estrada aos seus clientes.
Empresas turísticas como Interrias, Grupo Airmet, a Asociación Galega de Axencias de
Viaxes (Agavi), Amextrem-Agetan, Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) ou a
Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT) compartiron este
Workshop con axentes turísticos do municipio, caso de restauradores, hoteis, casas de
turismo rural, empresas de servizos ou locais hostaleiros. Con eles estiveron o alcalde
da Estrada, Gonzalo Louzao, a directora de Turismo en Pontevedra, Romina Fernández,
o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, o director da Área
Territorial de Turismo de Pontevedra, Felipe Ferreiro, ou o concelleiro estradense de
Turismo, Óscar Rancaño, entre outros.
No acto fíxose un repaso dos recursos turísticos que pode ofrecer a Estrada, dende as
paisaxes fluviais, principalmente pintadas polos cursos do Ulla e o Umia, ás rutas de
sendeirismo, pasando por iconas como o Pazo de Oca, a Rapa das Bestas de Sabucedo,
a Festa do Salmón ou a Feira da Sidra, sen esquecer que A Estrada atesoura a maior
“fábrica” de arte románica de Galicia.
O encargado de abrir o acto foi o xerente de Simply Travel, Juan Rivadulla, como
organizador deste Fam Trip. Puxo o acento na importancia de aproveitar o encontro
para intercambiar impresións e pulsar a opinión dos expertos para analaizar como se
podería potenciar o atractivo turístico local.
“Esta experiencia está pensada para que descubrades un municipio que é a nosa casa,
pero que tamén mantén sempre as súas portas abertas para quen queira achegarse”,
sinalou o alcalde da Estrada. Gonzalo Louzao xogou co lema da campaña “A Estrada é
camiño”, remarcando que é un slogan que se repite “nun sentido tan amplo como
simbólico”. “O noso municipio leva no nome a idea de camiño e non é algo casual. A
Estrada foi paso de viaxeiros, de arrieiros e de peregrinos, e por aquí seguen pasando
hoxe varias rutas xacobeas. Pero A Estrada tamén é camiño no sentido de oportunidade:
o camiño que pode seguir calquera viaxeiro para descubrir un patrimonio rico e
diverso,que vai da etnografía á gastronomía, da exuberancia da natureza á beleza do
construído polo ser humano”, manifestou o rexedor.
Destino por descubrir
“Son un estradense orgulloso, algo que me vén especialmente ben como alcalde. E coido
sinceramente que A Estrada ten motivos de sobra para sentirse fachendosa”, continuou
o mandatario. Fixo despois alusión a moitos atractivos locais, entre os que non esqueceu
citar a gastronomía, a artesanía ou tradicións tan propias como os Xenerais da Ulla.
“Somos un destino auténtico. Un destino aínda por descubrir para moitos viaxeiros. E
estamos convencidos de que A Estrada pode formar parte desas novas rutas, desas
novas propostas e desas novas experiencias que buscades ofrecer”, concluíu o alcalde.
Presentación da Festa da Sidra
O programa da Fam Trip continúa mañá con visitas desta delegación a Sabucedo, onde
coñecerán o curro que cada ano alberga a Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico
Internacional. Ás 11.30 horas celebrarase a presentación da Feira da Sidra, que este ano
se acompañará dun showcooking.







































