Concello, centro de saúde e a Asociación Española Contra o Cancro
únense na conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco.
Entre 2025 e o que vai de 2026, un total de 52 persoas accederon ao
programa impulsado dende o departamento municipal de Sanidade.
A media de idade dos usuarios sitúase nos 40 anos e un 60% son
mulleres.
O acompañamento municipal ten, aproximadamente, un ano de
duración: 6 primeiros meses de seguimento para deixar o hábito e outros
seis para previr recaídas
Máis de medio cento de cidadáns achegáronse no último
ano ata o Concello da Estrada para sumarse ao programa que, dende o departamento
municipal de Sanidade, se impulsa dende hai xa dúas décadas para axudar a aqueles
veciños e veciñas na deshabituación tabáquica. Concretamente, entre 2025 e os cinco
primeiros meses de 2026 foron un total de 52 persoas as que pasaron pola concellería
que dirixe Óscar Rancaño buscando este acompañamento para abandonar o tabaco.
O dato púxose hoxe sobre a mesa a raíz do posto informativo que o Concello da Estrada,
o centro de saúde e a Asociación Española Contra o Cancro instalaron na carpa da Praza
da Constitución para asesorar e orientar a todos os interesados na súa pretensión de
deixar este consumo nocivo. Esta acción enmarcouse na conmemoración do Día
Mundial Sen Tabaco, que se celebrou o domingo, 31 de maio.
Contando coa colaboración de dúas enfermeiras do centro de saúde da Estrada,
informouse e entregáronse folletos, guías e outro material diverso para concienciar
sobre os perigos que supón a consumo de tabaco. Dende este posto, a propia megafonía
empregada animou dende primeira hora a traballar na prevención desde idades
temperás para previr o consumo ou atrasalo o máximo posible, poñendo o acento en
que a idade de acceso a este hábito é moi baixa (14 anos) e na alta porcentaxe da
poboación que asegura ter fumado nalgunha ocasión (41%). Incidiron tamén na
importancia de ofrecer unha escoita activa para traballar esa prevención dende os
fogares.
A campaña de 2026 da Organización Mundial da Saúde (OMS) puxo tamén o acento nos
máis novos, apuntando que 40 millóns de adolescentes (de 13 a 15 anos) en todo o
mundo consumen tabaco e 15 millóns de adolescentes empregan xa cigarros
electrónicos. Asemade, nos países con datos rexistrados, a probabilidade de vapear é,
de media, nove veces maior entre os adolescentes que entre adultos.
Seis meses para deixalo e seis para non volver
En canto ao programa de deshabituación tabáquica, incluído na área municipal de
prevención de condutas aditivas, desenvólvese dende o departamento de Sanidade de
hai máis de 20 anos. Artéllase en base a seis primeiros meses de seguimento para
abandonar o tabaco e outros seis posteriores para previr posibles recaídas.
Os interesados poden solicitar cita por teléfono ou correo electrónico (no 986 677 702
ou no enderezo sanidadeeturismo@aestrada.gal). Na primeira sesión realízanse os
cuestionarios estandarizados para avaliar o grado de dependencia do tabaco e a
motivación para deixar de fumar. No caso de que se precise combinar o traballo
cognitivo-condutual con medicación, os usuarios son derivados ao centro de saúde.
Durante os dous primeiros meses o habitual é que as citas sexan semanais, pasando logo
a seren quincenais. Na fase de prevención de recaídas as visitas son mensuais.
No tocante ao perfil de usuarios, aínda que acoden ao programa cidadáns de todas as
idades (non adolescentes), a media sitúase nos 40 anos. Dun tempo a esta parte é maior
a porcentaxe de mulleres que de homes, sendo aproximadamente o 60% dos asistentes
mulleres e un 40% homes.







































