O CONCELLO DA ESTRADA CONVOCA O PROGRAMA DE AXUDASMUNICIPAIS PARA RESPALDAR A CREACIÓN DE NOVAS EMPRESAS

 O importe máximo destas axudas é de 2 000 euros por empresa e a axuda
non poderá superar a contía total do investimento inicial realizado polas
persoas promotoras.
 As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 15 de xuño

 

O Concello da Estrada vén de convocar as axudas
municipais para a creación de empresas. Poderán acollerse a estas achegas os
empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas (Pemes), con
independencia da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre o
1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 (enténdese por inicio da actividade a alta no
imposto de actividades económicas, o IAE).
Entre os requisitos que establecen as bases desta convocatoria figura a esixencia de que
a empresa teña o seu domicilio fiscal e social na Estrada; que a empresa sexa viable
técnica, económica e financeiramente ou que sexa unha empresa de nova creación
dentro dos tres sectores produtivos. Considéranse incluídos neste concepto os traspasos
de negocios que non teñan vinculación familiar.
É preciso tamén que nin a empresa nin ningunha das súas persoas socias teñan débedas
coa Seguridade Social, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, coa
Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) nin co Concello da Concello da
Estrada. Non poderán obter a condición de beneficiarias o empresariado e as Pemes que
concorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10, apartados 2 e 3, da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003 , do 17
de novembro, xeral de subvencións .
O importe máximo destas axudas é de 2 000 euros por empresa e a axuda non poderá
superar a contía total do investimento inicial realizado polas persoas promotoras.
En canto ao prazo de presentación de solicitudes, será de 10 días hábiles, contados
desde o día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de
Pontevedra. Como foron publicadas hoxe mesmo, o prazo rematará o 15 de xuño.

As solicitudes terán que presentarse a través da sede electrónica do Concello da Estrada,
na que hai xa aberto un procedemento ao efecto. Calquera dúbida sobre o mesmo pode
dirixirse ao departamento de Emprego.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.