A cita chega con vocación de continuidade e coa pretensión de dar o
pisoletazo de saída, na noite do venres, ao evento sidreiro.
Co financiamento do Xacobeo, esta primeira edición contará con Kid
Mount, Ünder & Diego Flâneur e Kike Varela.
Actuarán na Praza da Constitución, dende as 22.30 horas.
A Feira da Sidra da Estrada incorpora este ano, na súa
décimo terceira edición, unha importante novidade coa creación de Son de Lagar, unha
cita musical que se celebrará na noite previa ao evento e que nace coa vontade de
consolidarse como a antesala cultural e festiva da que se está a converter nunha das
celebracións máis emblemáticas do calendario estradense.
Deste xeito, a estrea do Son de Lagar será este venres, 5 de xuño, a partires das 22.30
horas e na Praza da Constitución, no escenario situado a carón da carpa na que se
celebrará -o sábado- a feira da sidra. A iniciativa busca ofrecer ao público unha proposta
musical diversa e de calidade para abrir unha fin de semana marcada pola promoción da
tradición sidreira destas terras, da gastronomía e da convivencia a pé de rúa.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, destacou que esta antesala musical
concebiuse co obxectivo de «dar unha maior dimensión á Feira da Sidra» e de converter
a noite previa á celebración nun espazo de encontro arredor da música e da cultura.
Neste sentido, o rexedor quixo agradecer publicamente a implicación do Xacobeo para
facer posible esta primeira edición e subliñou a vocación de continuidade dunha
proposta chamada a consolidarse dentro da programación da feira.
Louzao salientou tamén a aposta por un primeiro cartel que chega integrado por artistas
galegos innovadores e cunha importante proxección dentro da escena musical actual.
Son de Lagar nace así como o pistoletazo de saída dunha fin de semana que terá na Feira
da Sidra o seu prato forte.
O cartel desta primeira edición estará formado por Kid Mount (Xinzo de Limia), un dos
nomes con maior proxección da nova música urbana galega, pioneiro na incorporación
do galego a sonoridades como o reggaeton, o electrolatino e a electrónica
contemporánea.
O Son de Lagar contará tamén con Ünder & Diego Flâneur. Son dous artistas lucenses
cunha proposta que camiña por diversos xéneros, vertentes e ritmos, con influencia do
hip-hop. Por medio de referencias culturais heteroxéneas extraídas do cine, do mundo
da arte ou da propia música, crean un imaxinario amplo con temáticas variadas.
Estará tamén nestes concertos o aclamado Kike Varela, DJ e produtor galego cunha
destacada traxectoria nacional e internacional, que chegou a compartir escenario con
algunhas das principais figuras da música electrónica mundial.
A combinación destas tres propostas permitirá percorrer distintas sensibilidades e
estilos, convertendo Son de Lagar nunha celebración musical aberta a públicos diversos
e nun escaparate do talento musical galego actual.
O nome
Por outra banda, dende o Concello da Estrada explicouse hoxe que o nome escollido
para esta antesala musical da Feira da Sidra busca combinar a referencia sonora coa
identidade sidreira. Deste xeito, evocando a expresión “son de” e vencellándoa ao termo
“lagar”, búscase reforzar a tradición da elaboración de sidra que existiu sempre no rural
da Estrada e que se buscou revitalizar nos últimos anos.
Venda de vasos
Por outra banda, a venda anticipada de vasos para a degustación das sidras procedentes
dos 24 lagares que estarán presentes na XIII Feira da Sidra volverá mañá mércores ao
Novo Mercado. A organización insiste na importancia de facerse cos vasos para evitar
as colas no día da feira e axilizar a propia degustación.
A música acompañará tamén o sábado á Feira da Sidra, tanto na degustación da mañá
como na tarde. Na sesión matutina (de 12.00 a 15.00 horas) actuarán Galifunk e Señora
DJ. Pola tarde, dende as 19.30, tocarán Son das Tabernas.







































