A Xunta adxudica as obras de ampliación do Parque Empresarial Lalín 2000

 

A actuación permitirá incrementar en máis de 313.000 metros cadrados a superficie actual do polígono e poñer a disposición das empresas 42 novas parcelas industriais a partir de 2028

O Consello de Administración de Xestur aprobou a proposta de adxudicación das obras de ampliación da cuarta fase do Parque Empresarial Lalín 2000 á UTE formada por Francisco Gómez y Cía e Construcciones y Obras Taboada. A actuación suporá un incremento de 313.497 metros cadrados da superficie actual do polígono e permitirá dispoñer de novo solo empresarial no ano 2028.

Os traballos, cun prazo de execución previsto de 18 meses desde a formalización do contrato, teñen como obxectivo responder á demanda existente de solo industrial na comarca do Deza, onde actualmente non hai parcelas dispoñibles no parque empresarial.

 42 novas parcelas para atraer investimento

A ampliación permitirá crear unha superficie útil de solo industrial de 167.410,82 metros cadrados, distribuída en 42 parcelas con tamaños que oscilarán entre os 1.131 e os 56.690 metros cadrados.

O proxecto inclúe tamén unha zona de equipamentos que dará cabida ao local social da Filgueira, así como novas zonas verdes situadas no perímetro do ámbito empresarial. Estes espazos servirán como barreira visual e contribuirán á integración da actuación coa contorna rural e coas áreas residenciais máis próximas.

 Un impulso para o desenvolvemento económico do Deza

A Xunta considera esta actuación unha infraestrutura estratéxica para favorecer o crecemento económico da comarca, facilitando tanto a chegada de novas empresas como a ampliación das xa implantadas.

Na actualidade, o Parque Empresarial Lalín 2000 conta cunha superficie de 536.758 metros cadrados. Coa nova ampliación, a súa capacidade incrementarase nun 58,4 %, reforzando a súa posición como un dos principais espazos industriais do interior da provincia.



Case tres millóns de metros cadrados de solo empresarial en marcha en Pontevedra

Esta actuación forma parte da estratexia da Xunta para ampliar a oferta de solo empresarial na provincia de Pontevedra. En conxunto, os proxectos actualmente en tramitación permitirán incorporar preto de tres millóns de metros cadrados de novo solo para actividades económicas.

Entre as iniciativas en marcha figuran os proxectos empresariais de Fragamoreira (Poio), a ampliación de Toedo (A Estrada), Louredo (Mos-Redondela), O Pousadoiro (Vilagarcía), a ampliación da PLISAN, o desenvolvemento do Campiño (Pontevedra) e a reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.