A anticipación con respecto ás datas habituais permite que o servizo
estea operativo para a Feira da Sidra, as festas de San Paio ou a Rapa
das Bestas de Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional.
Nestas instalacións tamén se sela a credencial dos peregrinos.
Funciona de martes a sábado, en horario de mañá e tarde.
O servizo ampliarase nos meses centrais do verán cun punto de
información turística en Oca.
O Concello da Estrada abriu hoxe as portas da oficina de
información turística emprazada na Casa das Letras, de xeito que o municipio está xa
preparado para comezar a recibir o incremento de visitantes que habitualmente
acompaña a tempada alta.
O servizo, que nos meses de verán operará tamén nas inmediacións do Pazo de Oca,
comezará a orientar aos visitantes sobre os atractivos turísticos da contorna nunha fin
de semana de gran afluencia, coa celebración na capital estradense da XIII Feira da Sidra.
Ademais, a anticipación deste ano na apertura permite tamén que estea dispoñible na
celebración das festas patronais de San Paio e para a celebración da Rapa da Bestas de
Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional.
Contando coa colaboración de Turismo Rías Baixas, a oficina de información turística da
Estrada estará aberta de martes a sábado, permanecendo pechada nas xornadas de
domingo e luns. De martes a venres funcionará de 09.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. O
horario dos sábados será de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00.
Peregrinos
Cómpre sinalar que nesta oficina de turismo da Casa das Letras os peregrinos poderán
selar as súas credenciais. De feito, foi a súa asistencia a primeira hora da mañá e a súa
solicitude temperá de información turística para moverse pola comarca o que animou a
adiantar a hora de apertura do servizo. A meirande parte destes visitantes que realizan
o Camiño de Santiago pasan pola Estrada seguindo o Camiño da Geira e dos Arrieiros, o
Camiño de Ignacio Taverneiro ou o Camiño Miñoto.
A meirande parte dos turistas chegan a esta oficina co Pazo de Oca e a Rapa das Bestas
de Sabucedo como referencias turísticas da Estrada. Ademais de solicitar información
sobre estes dous recursos turísticos, piden nesta oficina información sobre rutas,
actividades, festas ou propostas para gozar do seu tempo libre. Moitos usuarios
demandan tamén información sobre onde comer na Estrada. Segundo sinalan los
profesionais á fronte do servizo, a Ruta da Sidra esperta cada vez máis expectación entre
aqueles que se animan a coñecer ou redescubrir estas terras.







































