O PRIMEIRO BALANCE DA FEIRA DA SIDRA ARROXA A NECESIDADE DEINCREMENTAR, AÍNDA MÁIS, OS LITROS E OS VASOS DA DEGUSTACIÓN

 Os 1.000 litros aumentados este ano quedaron curtos, igual que os 4.000
vasos conmemorativos.
 Contrariamente ás edicións anteriores, este ano a quenda de
degustación vespertina estivo igual de concorrida que a matutina.
 A incorporación da cinta reduciu moito a reposición dos vasos e deixou
as unidades rotas en algo anecdótico.
 A venda anticipada despachou o 60% dos vasos e estúdase trasladala
para o ano á Sala Abanca, incluíndo franxas de venta pola tarde.
 Para o 2027 buscarase incrementar o carácter internacional do evento.

Concello e Asociación Maceira e Sidra intercambiaron xa
as primeiras valoracións sobre a última edición da Feira da Sidra, que este sábado
superou mesmo as mellores expectativas de afluencia. Os 5.000 litros previstos e os
4.000 vasos reservados para a degustación non chegaron, de xeito que a primeira
anotación que se fai no momento do balance é a necesidade de incrementar aínda máis
a cantidade de sidra.
Aínda que nesta décimo terceira edición xa se escanciaron na degustación 1.000 litros
máis que na de 2025, a afluencia de público fixo que o incremento quedara curto. E é
que, se na quenda da mañá a participación xa foi masiva, a asistencia estivo moi lonxe
de diminuír na da tarde. Contrariamente ao que viña sucedendo en anos anteriores, a
degustación vespertina estivo igual de concorrida este ano.
De feito, aínda que a programación contemplaba a apertura das barras ás 19.30 horas,
reservando a primeira media hora da tarde á entrega do Grolo de Ouro e ao
recoñecemento aos lagares asistentes, a organización resolveu comezar a servir sidra
antes de tempo vendo a cantidade de xente que se congregaba para degustar os
diferentes caldos.
Os vasos tampouco foron suficientes e foi preciso poñer en circulación outros de
edicións anteriores. O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, puxo o acento
en que este dato hai que interpretalo, á par dos litros consumidos, con un significativo
incremento da afluencia, tendo en conta que este foi o ano no que se detectou unha

cota de reposición moi reducida. Neste senso, sinalou que a incorporación da cinta para
suxeitar os vasos favoreceu que nesta convocatoria rompese unha cantidade anecdótica
de vasos.
Venta anticipada
A XIII Feira da Sidra non experimentou longas colas para a recollida dos vasos da
degustación, unha cuestión que hai que atribuír ao bo funcionamento da venda
anticipada, na que se despacharon o 60%. Unha das cuestións que se está valorando de
cara ao ano que vén é emprazar a venda previa na Sala Abanca, establecendo franxas
horarias de mañá e tarde para facilitar a distribución.
Dende a organización sinalouse o acerto que foi colocar unha zona tranquila de uso
preferente para maiores e familias con nenos na Alameda, unha cuestión que se pensa
repetir e ampliar na vindeira edición.
Outro punto forte foi, sen dúbida, o “tardeo” celebrado na Serafín Pazo, rúa pola que
non era doado camiñar ante a cantidade de xente que se sumou á proposta. A
combinación deste atractivo coa Feira da Sidra na Praza da Constitución favoreceu unha
fluxo de público constante, que se estendeu a outras rúas do casco urbano e que
favoreceu -e moito- a actividade hostaleira.
Á hora de fixar cousas a mellorar, a organización apunta ao traslado dos aseos públicos
e tamén á necesidade de incrementalos. “Non é algo doado, porque non podemos
afastalos da zona da feira pero tamén necesitamos ter desaugadoiro”, sinalou o
concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán. “Aínda así, temos que darlle unha
volta”, recoñeceu.
Máis variedades sen alcohol e máis botellas á venda
Indicou tamén que é preciso incrementar a oferta de variedades sin alcohol na
degustación e tamén aumentar a oferta no punto de venta de botellas da sidra. “A tenda
foi tamén un acerto, porque moita xente mercaba as botellas para levalas á hora da
comida, ben para a casa ou para degustar de xeito máis tranquilo en zonas como a
propia Alameda”, apunto o edil.
Dende Maceira e Sidra, o técnico Miguel Soto recoñeceu que os sidreiros participantes
marcharon co desexo de regresar á Estrada o primeiro sábado de xuño de 2027, nunha
nova edición da Feira da Sidra. Apuntou que se pretende incrementar os lagares
estranxeiros, buscando incidir na internacionalización da mostra. “Os que viñeron
queren volver porque todos marcharon encantados”, sinalou.
A disposición da barra, a máis grande da historia da Feira da Sidra cos seus 80 metros, é
outra cuestión para a análise. Certo é que se pensa en favorecer a circulación do público,

buscando evitar que a xente quede amontoada na barra, pero tamén se quere conxugar
a distribución con feito de que unha carpa de gran formato é moi necesaria en previsión
de que o tempo non acompañe para esta cita.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.