A concelleira de Emprego, Lucía Seoane, entregou hoxe os diplomas dos
tres cursos realizados neste tempo para mellorar a e empregabilidade
dos asistentes
A concelleira de Emprego, Lucía Seoane, participou esta
mañá na entrega de diplomas a participantes na Escola de Emprego Xuvenil que o
Concello da Estrada promove en colaboración con Acción Contra a Fame e que se
enmarca no programa Vives Aprende. Neste segundo semestre participaron nesta
iniciativa 30 persoas, das que 8 (o 27%) xa se encontran nestes momentos incorporadas
ao mundo laboral.
Os tres cursos correspondentes aos diplomas entregados hoxe son os de Manipulador
de alimentos, Monitor de transporte e comedor escolar e o de Auxiliar de comercio.
Lucía Seoane quixo aproveitar a ocasión para aplaudir a boa marcha desta Escola Xuvenil
de Emprego, desexarlles a pronta incorporación ao mundo do traballo a todos os
participantes e trasladarlles os seus parabéns polo feito de que este proxecto veña de
ser recoñecido a nivel europeo como boa práctica, sinalando a súa contribución á
incorporación de mozas e mozos ao ámbito laboral no medio rural e á creación de
emprego.
Presentada pola Fundación Galicia Europa como boa práctica, Vives Aprende centrouse
en mozos de entre 16 e 29 anos de zonas rurais. A iniciativa enmarcouse principalmente
no contexto da Estrada, municipio galego de interior afectado pola perda demográfica
e un desaxuste entre as cualificacións dos mozos e a demanda do mercado laboral. Os
datos globais rexistrados na plataforma Interreg Europe apuntan que, no último
exercicio de referencia o 59,6 % dos participantes conseguiu emprego; o 78,57 % obtivo
unha cualificación profesional; o 100 % actualizou o seu currículo; o 80 % rexistrouse en
plataformas de emprego e o 15,8 % continuou a súa formación académica ou profesional
fóra do proxecto.







































