O CONCELLO CELEBRA O ACORDO ENTRE GESECO E OS SEUSTRABALLADORES QUE PERMITE DESCONVOCAR A FOLGA NARECOLLIDA DE RESIDUOS

 Foi ratificado este mediodía polos operarios en asemblea. O acordo ten
unha vixencia de dous anos.
 O Concello agradece o esforzo de empresa e traballadores e
congratúlase por teren tendido pontes, de xeito testemuñal e como
axente externo afectado, para o diálogo necesario.

O Concello da Estrada celebra o acordo alcanzado entre
a empresa que presta no municipio o servizo de recollida de residuos, Geseco, e os seus
traballadores, un entendemento que permite desconvocar a folga prevista entre o 25 e
o 28 de xuño, coincidindo coas Festas de San Paio. O preacordo, ao que se chegou a
última hora deste luns, foi ratificado este mediodía.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, expresou a súa satisfacción polo
resultado das negociacións e agradeceu publicamente “a boa comunicación e o esforzo
realizado tanto pola representación sindical como pola empresa para chegar a un punto
de encontro que garante a continuidade dun servizo esencial”.
Durán lembrou que, aínda que o Concello non forma parte da negociación laboral —ao
tratarse dun proceso entre empresa e traballadores—, quixo actuar “como axente
externo pero directamente afectado pola prestación do servizo”, tendo en conta que se
trata dunha prestación básica para a cidadanía.
Deste xeito, nas últimas semanas, o Concello mantivo reunións tanto coa empresa como
cos traballadores e representantes sindicais, co único obxectivo de tender pontes para
un diálogo que contribuíse a facilitar o entendemento entre as partes. O edil subliñou
que esta participación foi “testemuñal, pero útil para axudar a crear o clima necesario
para o entendemento”.
O acordo alcanzado terá unha vixencia de dous anos, 2026 e 2027, o que permitirá dar
estabilidade ao servizo mentres o Concello continúa avanzando na licitación do servizo.
Neste sentido, Durán lembrou que os novos pregos para a futura licitación están xa

elaborados e que as ordenanzas vinculadas ao servizo están en fase de redacción, coa
vista posta no novo escenario previsto para 2027.
Reunións periódicas
O concelleiro informou de que se decidiu manter manter coa empresa reunións
periódicas de seguimento, co fin de anticipar posibles necesidades, melloras ou
incidencias que poidan xurdir na prestación do servizo. O Concello valora moi
positivamente esta vía de interlocución estable, que “redunda directamente na mellora
da calidade do servizo que recibe a veciñanza”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.