A obra consistirá nunha reposición do sistema que había ata o de agora,
despois de observar que era o máis fiable e recomendable para encorar
a auga e elevar neste punto o nivel do río.
O Concello da Estrada ten xa contratadas as novas
comportas para a praia fluvial de Porta Pousada, no río Liñares, elementos que terán
que substituír aos que resultaron seriamente danados polas fortes crecidas e temporais
do último inverno.
O proceso para a contratación foi o máis áxil posible, despois de que o Concello recibise
os informes preceptivos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia para poder proceder
á colocación das novas comportas, que se instalarán exactamente no lugar das
anteriores. Asumirá este cometido a firma Ingenia Domo Madera S.L.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, explicou que o sistema dos novos
elementos será idéntico ao anterior. “Será unha reposición. Analizouse o que había y
chegouse á conclusión de que é o sistema máis fiable e recomendable”, apuntou o edil.
“Estiveron funcionando perfectamente durante moitos anos”, engadiu.
O cometido destas comportas é encorar a auga para que o nivel do Liñares suba o
suficiente como para permitir o baño nesta praia fluvial. As previsións que se barallan,
segundo compartiu Durán, pasan por que os traballos de instalación poidan empezar a
comezos da vindeira semana, de xeito que contra a fin de semana quede completada a
instalación. Contando co tempo que tardaría en acumularse a auga, o previsible é que
para o 6 de xullo poida gozarse do baño nesta praia cos niveis habituais.
Coa chegada da primavera, o persoal municipal realizou en Liñares a correspondente
revisión das instalacións ao obxecto de efectuar as tarefas de mantemento necesarias
para abrir o recinto ao público. Así, a finais de marzo, puido verse ao baixar o nivel do
río a gran cantidade de troncos, pólas e vexetación que a forza da auga e as enchentes
arrastraron durante os temporais do inverno. Ese material estivo batendo contra a
estrutura de madeira das comportas, facendo presión contra elas pola propia acción da
auga e das correntes. As pólas ocasionaron a rotura de ancoraxes e rodamentos. Deuse
traslado da necesidade de substitución ás autoridades oportunas e o Concello remitiu,
despois, o proxecto requirido, obtendo o último dos informes preceptivos hai unha
semana.
A praia fluvial abriuse o martes á tempada estival, contando xa con servizo de socorrista
e co certificado da boa calidade das augas. En poucos días, coa reposición das
comportas, o nivel do río será o habitual para o baño.







































