A SECTORIZACIÓN DA REDE PERMITE A DETECCIÓN TEMPERÁ DUNHAFUGA NA ZONA DEPORTIVA, QUE PECHA TEMPORALMENTE O VASO GRANDE DAS PISCINAS MUNICIPAIS

 A creación de sectores na rede de abastecemento do casco urbano
permitiu detectar a primeira hora desta mañá un consumo anómalo de
auga nesta contorna, facilitando unha rápida intervención.
 O Concello iniciou de inmediato o rastrexo das conducións para
localizar a orixe da fuga e resolver a incidencia coa maior rapidez
posible.
 Por motivos de seguridade, o vaso grande permanecerá pechado mentres
duren os traballos, podendo empregarse con normalidade as piscinas
mediana e pequena.
 O acceso ao complexo será gratuíto durante esta incidencia.
 As novas comportas da praia fluvial de Liñares xa chegaron e arranca
a instalación para recuperar o nivel de baño cara a fin de semana.

A recente sectorización da rede municipal de
abastecemento permitiu detectar a primeira hora desta mañá un consumo anómalo de
auga na Zona Deportiva, circunstancia que levou ao Concello da Estrada a activar de
inmediato o protocolo de comprobación das conducións para localizar a orixe dunha
fuga. Mentres se desenvolven estes traballos e por razóns de seguridade, permanecerá
temporalmente pechado ao público o vaso de maior tamaño do complexo municipal de
piscinas.
Dende primeira hora da mañá o persoal municipal está a realizar o rastrexo da rede de
abastecemento para determinar o punto exacto no que se está producindo a perda de
auga. A presenza de maquinaria e dos traballos necesarios para a inspección fan
recomendable limitar provisionalmente o uso das instalacións ás piscinas mediana e
pequena, co fin de garantir a seguridade das persoas usuarias.
Co obxectivo de minimizar as molestias ocasionadas, o Concello acordou que o acceso
ao complexo municipal sexa gratuíto mentres permaneza pechado o vaso grande. A
previsión pasa por localizar a incidencia e acometer a súa reparación coa maior rapidez
posible para recuperar o funcionamento habitual das instalacións.

O goberno local lamenta as molestias que esta situación poida ocasionar nun momento
de elevadas temperaturas e desfrute do período vacacional, pero considera prioritario
actuar con celeridade para evitar unha perda continuada de auga, máis aínda no actual
contexto de calor e da necesaria xestión responsable dos recursos hídricos.
Comportas
Paralelamente, as novas comportas da praia fluvial de Porta Pousada, no curso do
Liñares, chegaron xa ás instalacións e durante a xornada deste luns iniciáronse xa os
traballos previos á súa colocación. Se a evolución dos traballos é a prevista, o encoro da
auga permitirá recuperar o nivel habitual para o baño de cara á vindeira fin de semana.
Ademais, nas próximas horas tamén se incorporará nova area á zona de praia, que está
aberta ao público e conta con servizo de socorrismo, aínda cando os niveis da auga non
sexan nestes primeiros días da tempada os habituais. Cando se pechen as comportas a
situación quedará normalizada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.