O Concello da Estrada publicará mañá martes na páxina
web da administración municipal a listaxe de admitidos na presente edición do
Campamento do Mar, despois de que o departamento de Servizos Sociais pechara o
pasado venres o prazo de inscrición. A iniciativa, que volveu espertar moito interese
entre a veciñanza estradense, desenvolverase este ano no Campamento Xuvenil Illa de
Ons do 21 ao 28 de agosto.
As solicitudes presentadas superaron amplamente as 52 prazas ofertadas para rapaces
e rapazas de entre 8 e 16 anos. Aínda que a relación de admitidos será publicada mañá,
dende o citado departamento municipal xa se estivo chamando hoxe ás familias que
obtiveron praza para os seus fillos, coa intención de que aporten a documentación
precisa. No caso de que algunha das prazas non se cubra, o Concello tirará, por orde, da
lista de espera xerada na inscrición.
O Concello mantén un sistema de prezos bonificados para facilitar a participación das
familias empadroadas no municipio. A inscrición xeral terá un custo de 120 euros,
mentres que as familias numerosas e monoparentais poderán beneficiarse dunha tarifa
reducida de 84 euros. No caso de varios irmáns participantes, o segundo terá tamén
unha cota bonificada de 84 euros e, no caso das familias numerosas, o terceiro irmán
poderá participar de xeito gratuíto se acoden os tres.
Para as familias non empadroadas, que unicamente poderían acudir se houbese prazas
libres, o custo sería de 240 euros, sen posibilidade de bonificación.
Como parte do proceso organizativo, o Concello celebrará unha reunión informativa
coas familias o vindeiro martes 12 de agosto ás 20.30 horas no Salón de Plenos, na que
se dará a coñecer a empresa encargada do desenvolvemento do campamento e se
facilitará información práctica sobre horarios, normas e funcionamento da actividade.
O CONCELLO PUBLICA MAÑÁ A LISTAXE DE ADMITIDOS NOCAMPAMENTO DO MAR, QUE SE CELEBRARÁ NA ILLA DE ONS
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.





































