O CONCELLO COMPLETA A SECTORIZACIÓN DA TRAÍDA ENCODESEDA, QUE XA TEN EFECTO SOBRE O CONTROL NO CONSUMO

 O consumo actual no casco urbano sitúase en 3.300 metros cúbicos,
fronte aos picos de 5.400 rexistrados a estas alturas do verán o pasado
ano.
 En Codeseda pasouse de rondar nestas datas os 70 metros cúbicos aos
45 que indica o último dato dispoñible despois da recente actuación.
 Nesta parroquia a sectorización permitiu xa detectar un par de
incidencias que supuxeron a perda de 45.000 litros de auga en catro
días.

Despois do corte programado no subministro días atrás,
o Concello da Estrada ten xa completada unha nova fase no programa de sectorización
da rede de abastecemento de auga, concretamente a que afecta á parroquia de
Codeseda. A actuación non tardou en deixar que se aprecie o seu efecto sobre o control
no consumo de agua, algo especialmente importante nun verán tan seco como o actual.
O Concello puxo en marcha esta iniciativa en setembro de 2025, buscando que esta
sectorización permitise ter un maior coñecemento e capacidade de control sobre a
intricada condución que distribúe agua á capitalidade estradense e á súa zona periférica.
Chamada a garantir a eficiencia na traída, a medida supón a instalación de contadores
para rexistrar en todo momento a agua que se está servindo a cada zona e a que se
consume, algo que resulta fundamental para poder detectar e atallar posibles fugas.
Logo de que ao arranque da tempada de baño se puidese comprobar a importancia de teren
unha rede de abastecemento sectorizada a raíz dunha rotura na zona das piscinas
municipais, o Concello continuou con este programa en Codeseda, parroquia que conta
cunha traída municipal que durante moitos anos foi unha zona especialmente sensible para
o abastecemento no municipio durante os meses secos do verán.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, aportou esta mañá os últimos datos de
consumo. Na rede de abastecemento ao casco urbano o consumo actual sitúase en 3.300
metros cúbicos diarios, unha cifra moi boa se se compara cos niveis máximos de consumo
acadados nalgúns días do pasado verán, con picos de 5.400 metros cúbicos por xornada.
No caso de Codeseda, o concelleiro explicou que o ano pasado por estas datas os consumos
rondaban os 70 metros cúbicos diarios, mentres que o último dato apunta un consumo de
45 metros cúbicos/día. O edil amosouse convencido de que a sectorización aplicada nestas
últimas semanas xa está demostrando o seu efecto nesta zona. De feito, explicou que o
sistema permitiu detectar un par de incidencias que supuxeron a perda de 45.000 litros de
auga en catro días. Vencellou Durán estes episodios a descoidos no fogar, unha cuestión
que levou a que dende o Concello se recomende á veciñanza deixar a auga pechada cando
se ausenten do domicilio durante varios días.
Sectores
“A sectorización está permitindo ter esa capacidade de reacción que buscabamos: ser máis
rápidos á hora de detectar onde se pode estar producindo unha fuga de auga”, apuntou
Óscar Durán.
Na rede municipal de abastecemento son xa varios os sectores creados para ter un
coñecemento máis profundo da distribución da auga, atendendo a que a normativa actual
esixe ter o control sobre o 75% da distribuída.
Nestes momentos está sectorizado xa o polígono de Toedo, a zona na que se asenta a central
de Emerxencias A Estrada, a traída de Codeseda e a Zona Deportiva. Nesta última hai, á vez,
varios subsectores: piscinas, Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), pavillóns e
institutos.
Ao completar a sectorización en Codeseda, o concelleiro de Servizos Municipais considerou
que os puntos más conflitivos están xa sectorizados, se ben indicou que a idea agora é
continuar co programa polo incremento do control nos diferentes edificios municipais.
Finalmente, dende o Concello volveu a solicitarse á cidadanía que realice un consumo
responsable de auga.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.