ARRANCAN O LUNS AS OBRAS DUNHAS 200 ACOMETIDAS PARA OPRIMEIRO DESDOBRE DA TRAÍDA DO UMIA EN TABEIRÓS E NIGOI

 Executados os traballos para esta conexión, os usuarios terán que
instalar o contador e darse de alta no ORAL para poder recibir esta auga
nos seus domicilios.
 Serán unhas 130 acometidas en Tabeirós e outras 70 na parroquia de
Nigoi.
 A previsión é que as obras se desenvolvan por espazo de tres meses, de
xeito que no outono entre en funcionamento esta primeira ramificación
da rede de abastecemento.
 A conclusión destas obras marcará a apertura dunha nova etapa: a do
arranxo da rede viaria afectada polos traballos precisos para executar
este desdobre.

As obras para realizar unhas 200 acometidas para o
que é o primeiro desdobre da traída de auga dende o río Umia arrancarán o luns en
Tabeirós e despois farano en Nigoi. Deste xeito, a rede pública de abastecemento que
sirve ao casco urbano da Estrada chegará tamén a estas dúas parroquias, despois de que
meses atrás quedara concluída a rede troncal que posibilitará agora estas conexións.
Esta traída toma a auga dende o río Umia para servila aos fogares estradenses dende o
ano 2011. Tabeirós e Nigoi serán as dúas primeiras parroquias en beneficiarse desta
canalización. Para practicar a ramificación dende a rede principal foron meses de obras
e máis de 800.000 euros de investimento. Agora ábrese unha nova etapa coas
acometidas, que non forman parte da rede xeral, senón que se corresponden cunha
obra particular. Para evitar desigualdades e que todos os usuarios paguen a mesma
cantidade por esta actuación, apostouse por practicar un prorrateo.
O Concello, en coordinación cos alcaldes de barrio e cos técnicos municipais, elaborou
nun primeiro momento un estudo previo da demanda de conexión en Tabeirós e Nigoi.
Coa rede troncal feita, chegou despois o momento de que os interesados reafirmasen o
seu compromiso de conexión e agora arranca a execución das acometidas.

A idea é completar as obras no prazo de tres meses para que poida darse o seguinte
paso neste proxecto: as obras de asfaltado que devolverán as debidas condicións ás vías
afectadas polos traballos precisos para executar esta ramificación da traída do Umia.
Contador e alta no ORAL
Serán unhas 130 acometidas en Tabeirós e arredor de 70 máis na parroquia de Nigoi. En
todo caso, para ter abastecemento público de auga os veciños teñen que cumprir outros
dous trámites: instalar un contador e acudir ao ORAL para darse de alta no padrón fiscal
da auga. Para este último paso deberán levar unha foto do contador que colocaron na
súa propiedade e o DNI do titular.
Cómpre aclarar que, con independencia da realización das acometidas e co obxectivo de
evitar un posible fraude, o Concello realizará un labor de inspección para colocar os
precintos correspondentes naqueles casos que non acompañen a realización do
enganche á rede coa correspondente alta no ORAL.
Contado co prazo indicado para a realización das obras, a previsión é que no outono as
parroquias de Tabeirós e Nigoi poidan comezar a servirse desta rede de abastecemento
dende o curso do Umia.
Como queda indicado, este momento marcará a apertura da fase de arranxo da rede
viaria afectada polas obras nesta zona do rural estradense, unha mellora que xa se
trasladou ao novo plan de asfaltados configurado polo Concello da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.