- O Concello propuxo esta medida para que os ordenadores non teñan que
reiniciarse ante os posibles cortes de luz puntuais, demorando a
atención.
- Magariños mantén o contacto estreito e continuo con UFD, que asegura
que dende hai unha semana non se producen os microcortes eléctricos
que viñan afectando este verán a zonas do rural da Estrada
–
O concelleiro estradense de Novas Tecnoloxías,
Manuel Magariños, informou hoxe de que o Servizo Galego de Saúde confirmou este
martes a previsión de instalar un Sistema de Administración Ininterrompido (SAI) no
centro de saúde de Oca, unha medida que o Concello da Estrada propuxo recentemente
nun intento por minimizar as consecuencias dos microcortes eléctricos que se
rexistraron de xeito sucesivo este verán nalgunhas zonas do rural estradense. Unha vez
instalado, o sistema deixará reforzados os equipos informáticos destas instalacións
sanitarias ante problemas desta índole que se poidan producir no futuro.
Magariños explicou que o Concello contactou co Sergas para darlle traslado da
problemática que afectaba, tamén, ao centro de saúde de Oca. No momento no que se
producía algún corte no subministro, por pequeno que este fora, era preciso reiniciar os
ordenadores e cargar novamente o sistema, ralentizando a atención aos veciños e
veciñas que teñen este centro de saúde como referente. O titular de Novas Tecnoloxías
trasladou que o novo sistema tardará aínda uns días en instalarse.
Por outra banda, o concelleiro mantense en contacto estreito e continuo con UFD, a
distribuidora de electricidade de Naturgy, para coñecer de primeira man a evolución dos
traballos destinados a localizar e solucionar a orixe dos microcortes que afectaron a
diferentes zonas do municipio. Trasladou que dende a compañía se lle asegurou que
estes cortes non se están producindo dende hai unha semana. Asumindo que este feito
tamén fai máis complexo seguir acoutando a orixe do problema, Manuel Magariños
subliñou que o Concello se manterá “expectante” por se volven producirse este tipo de
incidencias.
No seu momento a distribuidora sinalou que os microcortes afectaban ás zonas de
Curro-Cira, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Muimenta, Reigada, Tiguillois, Riamonde
e Arnois, e asegurou que se producían de maneira puntual, de xeito que os sistemas
automáticos de protección da rede permitían restablecer o subministro de forma rápida.
A hipótese que barallaba a compañía vencellaba este tipo de incidencias a axentes
externos, como restos ou cascas de eucalipto desprazados polo vento, aves ou outros
elementos que puidesen entrar en contacto directo coa liña.
As últimas informacións apuntaban a que a distribuidora xa conseguira delimitar a
incidencia a unha única fase: entre o cruce coa vía do tren e Oca, aínda que sen
identificar polo momento o elemento que as provocaba.





































