A 38ª Feira do Moble presenta unha edición con medio centenar de firmas expositoras,xornadas formativas e propostas de comercio local

No acto de presentación, os representantes institucionais e empresariais destacaron o peso do sector
da madeira en Galicia, que xa supón o 1,7% do PIB galego, e salientaron a cita feiral pola súa labor de
promoción e e formación
O Recinto Feiral da Estrada acolleu durante a mañá do martes o acto de presentación da 38ª Feira do
Moble de Galicia que abrirá as súas portas o xoves 17 con medio centenar de firmas expositoras.
No encontro interviron Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia;
a deputada provincial Belén Cachafeiro Anta, a representante da Cámara de Comercio de Pontevedra,
Vigo e Vilagarcía de Arousa Lucía Pedroso Suárez; o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios
da Estrada, José Luís Terceiro Carracedo, e o alcalde do Concello da Estrada, Gonzalo Louzao Dono.
Todos concordaron na importancia da Feira do Moble como expositor dun dos sectores con maior
relevancia de Galicia.
José Luís Terceiro agradeceu a entidades públicas por seguir apostando e mantendo as instalacións do
Recinto Feiral estradense para que os empresarios poidan seguir mostrando os seus produtos e
negocios. Tampouco perdeu a oportunidade para agradecer aos expositores desta edición a súa
participación. Neste sentido, Lucía Pedroso puxo a ollada nas firmas do evento, asegurando que é “un
punto de encontro para profesionais, empresas e público arredor dun sector de enorme peso en
Galicia”.
Sobre a relevancia do sector forestal e da madeira, a deputada provincial Belén Cachafeiro salientou
que “o pasado ano tivo unha facturación de máis de 2.500 millóns de euros, conta con máis de 3.300
empresas implicadas e con 19.400 persoas afiliadas na Seguridade Social e xa representa o 1,7% do PIB
galego”. Ao que engadiu que se por algo salienta esta Feira do Moble é polo seu carácter innovador e
por introducir no seu programa cuestións de relevancia como as relativas ao cambio climático e á
protección do noso medio natural”.
Pola súa banda, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, aproveitou para rememorar as orixes da cita
feiral e situalas nos torneiros do rural estradense nun momento no que “a metade da poboación que
estaba vinculada co sector industrial, traballaba en algo relacionado co moble e coa madeira”. Ao
pasado, sumoulle o presente, e lembrou que fai un ano, a Consellería de Educación inaugurou unhas
instalacións, cunha inversión de preto de catro millóns de euros, que cualificou de “primeirísimo nivel”,
destinadas ao “ciclo do moble e da madeira que cada vez gaña máis adeptos”, e que cumpren coas
esixencias dun sector que está a demandar “a aplicación de novas técnicas”.
En relación á formación técnica do sector, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia,
Gabriel Alén, salientou “a labor de difusión, de promoción, de formación e información que
desenvolven este tipo de feiras e eventos”. A isto engadiu que “o sector forestal galego, que é punteiro
a nivel de toda España, ten unha punta de lanza nesta feira”. Alén rematou poñendo en valor o
comercio local e, en definitiva, “as prazas de abastos, o artesán e os recintos feiras”.
Inauguración dunha feira con moito máis que mobles
O acto de inauguración da 38ª Feira do Moble terá lugar o xoves 17, ás 12.00 horas, a cargo do
delegado territorial da Xunta de Galicia Pablo Fernández López, que fará un percorrido oficial polo
recinto feiral e visitará aos expositores.
O Recinto Feiral abrirá as súas portas con horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas, e coas dúas
primeiras xornadas da cita feiral con entrada de balde. Ademais, os asistentes poderán participar no
sorteo dunha viaxe mais de lotes de produtos.
Non só se poderán atopar as últimas novidades do mercado mobiliario doméstico, menaxe, descanso,
tapiceria, comercio, complementos ou antigüidades, senón que tamén haberá oco para xornadas
formativas dirixidas para a mocidade da vila. A primeira delas, a do xoves 17, contará co coloquio
“Tecnoloxía e procesado de madeira”, impartida polo docente da Escola de Enxeñaría Forestal da
Universidade de Vigo Óscar González, e a charla “Orientación académica e profesional”, por Luís
Torres, técnico de apoio á docencia e á investigación. Xa o venres 18, será a quenda de Bertín Parga,
xefe de servizo de Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, con “A
formación profesional ábreche as portas do futuro”.
Así mesmo, os máis pequenos tamén terán diversión asegurada con dous espectáculos de maxia,
financiados pola Deputación de Pontevedra, a mans dos magos Costa, na tarde do sábado 19, e o
mago Pis, na derradeira xornada, a do domingo 20.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.