O CONCELLO PREPARA O ANTIGO EDIFICIO DO XULGADO NÚMERO 1PARA QUE ACOLLA O SERVIZO DA UNIDADE DE ATENCIÓN TEMPERÁ

 Nesta nova sede, de carácter temporal, triplicará o espazo que
actualmente posúe nun edificio da Avenida Benito Vigo.
 A unidade distribuirase entre a planta baixa e os dous primeiros andares
do inmoble, agora de titularidade municipal.
 As aulas de terapia ocupacional estarán emprazadas na antiga sala de
vistas, polo amplo espazo que ofrece a estancia

O Concello da Estrada traballa para poder realizar,
o antes posible, o traslado da Unidade de Atención Temperá ao edificio que con
anterioridade servía de sede para Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1,
na Avenida Benito Vigo, e que agora pasou a ser de titularidade municipal. Aínda que
este será un traslado temporal, á espera de que a sede definitiva do servizo se emprace
no futuro Edificio Integrado de Servizos Sociais, as novas dependencias suporán un salto
cualitativo e cuantitativo, xa que permitirán case triplicar o espazo actual da unidade.
A titular estradense de Servizos Sociais, Amalia Goldar Cora, explicou hoxe que as obras
para adecuar estas novas dependencias xa comezaron e que, despois de realizarse
traballos pintado, agora mesmo están centradas na adaptación da sala que se
empregará para as sesións de terapia ocupacional, na planta baixa do inmoble.
Neste contexto, a edil precisou que a Unidade de Atención Temperá empregará a planta
baixa e os dous primeiros pisos do antigo xulgado, permitindo ordenar con comodidade
e accesibilidade as diferentes estancias que precisa para ofrecer a súa atención a nenos
con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos, todos eles derivados por Pediatría.
O servizo estreouse no ano 2019 nas dependencias dun piso co que Servizos Sociais
conta na mesma Avenida Benito Vigo, se ben dende o comezo se recoñeceu que estas
instalacións non son o máis axeitadas para o desenvolvemento dun programa altamente
valorado polas familias usuarias.
Os preparativos para o traslado chegan despois de que meses atrás a Unidade de
Atención Temperá da Estrada pasase de funcionar 20 a 30 horas semanais para cada un
dos seus profesionais: logopedia, psicoloxía e terapia ocupacional.
As previsións sobre a distribución que se barallan con este traslado pasan por situar a
área de terapia ocupacional na planta baixa. Nela haberá unha zona de recepción, baños
e espazo para que os pais e nais agarden. A antiga sala de vistas do xulgado, un espazo
moi amplo que ocupa toda a parte do fondo da planta, empregarase para as sesións cos
cativos.
Sala para escola de pais
O resto das especialidades distribuiranse entre o primeiro e o segundo andar, nos que
tamén se habilitará unha área administrativa e un espazo específico para a escola de
familias recentemente creada neste servizo.
Amalia Goldar non aportou aínda unha data exacta de cando se efectuará o traslado, se
ben sinalou que este realizarase o máis axiña posible, unha vez quede acondicionado o
inmoble para poder prestar o servizo con normalidade.
A sede actual e a que acollerá temporalmente o servizo non se atopan moi afastadas,
como tampouco o estará o espazo definitivo previsto para o servizo, no solar que
ocupaba o antigo INEM e nun novo edificio que se construirá coa axuda dos fondos
europeos do Plan EDIL.
A Unidade de Atención Temperá traballa sempre de xeito coordinado cos centros
educativos e os profesionais do centro de saúde, buscando que o programa se adapte o
máximo posible ás necesidades de cada neno ou nena e garantindo que a cada usuario
se lle fai un seguimento integral. O servizo é totalmente gratuíto para as familias

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.