O alcalde estradense asiste en Rianxo á inauguración da mostra
“Virxinia Pereira: Dez voltas na vida”.
A exposición chega ao municipio coruñés para afondar na figura da
estradense que casou con Castelao e que foi clave na conservación do
seu legado.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse
esta mañá ata Rianxo para participar na inauguración da exposición Virxinia Pereira: Dez
voltas na vida, unha iniciativa que se integra no Ano Cultural 2026 e que chegou ao
municipio coruñés despois de teren pasado o verán na alameda estradense. De feito,
esta foi a primeira proposta cultural na que colaboraron estes dous concellos, que este
mes de outubro asinarán o seu irmanamento. Neste senso, o rexedor trasladou o acordo
de que o protocolo se rubrique na Estrada, o vindeiro 19 de outubro, nun lugar que ten
unha importante carga simbólica: a carón da escultura que representa á familia
Castelao-Pereira na Praza de Galicia e no día no que se cumpren 114 anos do casamento,
nesta mesma contorna, da estradense Virxinia Pereira Renda co rianxeiro Alfonso Daniel
Rodríguez Castelao.
No acto de Rianxo participaron tamén o alcalde de Rianxo, Jualián Bustelo, e Xesús
Domínguez, este último en representación da Editorial Galaxia, que deseñou esta
mostra co asesoramento da escritora Montse Fajardo. O rexedor estradense aplaudiu o
feito de que a mostra permita achegar aos cidadáns deste municipio a figura de Virxinia
Pereira, a estradense que uniu a súa vida á do emblemático rianxeiro.
Virxinia Pereira: Dez voltas na vida propón un percorrido pola traxectoria vital da
protagonista do Ano Cultural 2026 no Concello da Estrada a través de dez etapas e viaxes
vitais, desenvolvidas en seis estruturas e doce paneis informativos. O relato expositivo
percorre escenarios fundamentais na súa biografía, como A Estrada, Rianxo,
Pontevedra, Madrid, Nova York, París e Buenos Aires, poñendo o foco na súa relación
vital e intelectual con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e no seu papel decisivo para a
conservación do seu legado.
O irmanamento entre A Estrada e Rianxo non nace dunha afinidade xenérica, senón dun
vínculo biográfico e patrimonial concreto que o Ano Cultural Virxinia Pereira 2026 pon
en valor. Formalizalo agora consolida unha cooperación xa iniciada meses atrás e honra
a memoria dunha estradense esencial para a cultura galega, dotando a ambos os
concellos dun marco estable de traballo común.
“Esperemos que o 19 de outubro nos acompañe o tempo para asinar este irmanamento
a carón da escultura que representa a familia e no lugar onde Virxinia e Castelao casaron,
xusto no aniversario daquel día e tamén nun 19 de outubro no que ela naceu, en 1884”,
dixo Gonzalo Louzao




































