O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS MUNICIPAISDE APOIO Á ESCOLARIZACIÓN, ÁS QUE SE DESTINAN 35.000 EUROS

 Contempla axudas para material escolar e comedor.
 As subvencións para a adquisición de libros e material escolar están
destinadas a alumnado de entre 3 e 6 anos, mentres que as achegas para
o comedor escolar son para estudantes de Infantil, Primaria e ESO.
 O prazo remata o 6 de novembro.

O Concello da Estrada abre mañá o prazo para
solicitar as axudas municipais de apoio á escolarización correspondentes ao curso
2026/2027. Tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra
(BOPPO) hoxe mesmo, o período para a presentación de solicitudes permanecerá aberto
durante 20 días hábiles (ata o 6 de novembro). A convocatoria, destinada a apoiar as
familias con menores escolarizados no municipio, conta cun orzamento de 35.000 euros,
dos que 5.000 euros se destinan á adquisición de libros de texto e material escolar e
30.000 euros ao servizo de comedor escolar.
As axudas están dirixidas ás unidades familiares empadroadas no Concello da Estrada
que teñan menores ao seu cargo matriculados no curso 2026/2027 na segunda etapa de
Educación Infantil, Educación Primaria ou Educación Secundaria Obrigatoria en centros
públicos ou sostidos con fondos públicos do municipio.
As subvencións para a adquisición de libros e material escolar están destinadas a nenos
e nenas matriculados na segunda etapa de Educación Infantil (de 3 a 6 anos).No
concepto de material escolar inclúese todo o material preciso para o desenvolvemento
do curso académico en función das obrigas de cada centro educativo e as súas técnicas
de aprendizaxe. Para este fin, a contía máxima será de 100 euros por alumno ou alumna,
en función do gasto realizado e xustificado.
Pola súa banda, as axudas para o comedor escolar son para alumnado de Infantil,
Primaria e ESO, correspondente ao período de setembro a xuño. Cubrirán o 30 %, 50 %
ou 75 % do gasto, en función da puntuación obtida no baremo de valoración. A contía
máxima será de 1.000 euros por unidade familiar.
As bases tamén establecen que se elaborará unha lista de agarda coas solicitudes que
cumpran os requisitos establecidos e que non resulten atendidas por insuficiencia de
crédito. Serán ordenadas en función da puntuación acadada, de maior a menor. Unha
vez resolto o procedemento e determinado, de ser o caso, o crédito dispoñible,
procederase, con cargo ao crédito sobrante, á atención das solicitudes incluídas na lista
de agarda, respectando a orde de puntuación establecida, ata esgotar o crédito
dispoñible.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral de Entrada do Concello da Estrada,
en horario de atención ao público; a través da sede electrónica municipal; ou polos
restantes medios previstos na normativa de procedemento administrativo común.
O pago das axudas realizarase en dous prazos. No primeiro farase o pago dos libros e
material escolar, xunto co comedor de setembro, outubro, novembro, decembro e
xaneiro. O segundo prazo cubrirá gastos de comedor escolar de febreiro, marzo, abril,
maio e xuño.
Toda a información, as bases da convocatoria e os anexos necesarios para realizar a
solicitude estarán dispoñibles na páxina web do Concello da Estrada e na súa sede
electrónica. De igual xeito, enviarase comunicación ás ANPAS e centros educativos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.