Resolta a convocatoria deste ano, o Concello distribuíu máis de 21.000
euros entre os 19 proxectos empresariais solicitantes.
A media da achega situouse nesta convocatoria nos 1.000 euros.
Estas subvencións creáronse en 2011 para favorecer o emprendemento
no ámbito estradense e xa respaldaron máis de 300 iniciativas
empresariais no municipio.

O Concello da Estrada vén de resolver a convocatoria
deste ano das axudas municipais para a creación de empresas. Segundo os datos
aportados polo departamento de Emprego, máis do 50% das achegadas concedidas
correspóndense con mulleres e máis da metade vencéllanse a empresas do ámbito rural.
Cómpre lembrar que poden acollerse a estas achegas os empresarios individuais e as
pequenas e medianas empresas (Pemes), con independencia da súa forma xurídica, que
iniciasen a súa actividade empresarial entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026
(enténdese por inicio da actividade a alta no imposto de actividades económicas, o IAE).
Entre os requisitos establecidos na convocatoria figurou a esixencia de que a empresa
teña o seu domicilio fiscal e social na Estrada; que a empresa sexa viable técnica,
económica e financeiramente ou que sexa unha empresa de nova creación dentro dos
tres sectores produtivos. Considéranse incluídos neste concepto os traspasos de
negocios que non teñan vinculación familiar.
Nesta convocatoria resolvéronse favorablemente un total de 19 solicitudes, entre as que
o Concello distribuíu máis de 21.000 euros. Ademais, segundo os datos que baralla o
departamento, a medida da axuda concedida situouse nesta convocatoria arredor dos
1.000 euros por solicitante.
Creadas no 2011, estas achegas para favorecer o emprendemento no ámbito estradense
axudaron xa a máis de 300 proxectos empresariais. Estas axudas son a fondo perdido e
a súa finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do
funcionamento da empresa.



































