Os galardóns, que dende hai décadas recoñecen o traballo a prol da
lingua galega, entregaranse o vindeiro 12 de novembro no Teatro
Principal.



Os integrantes do Padroado dos Premios San
Martiño de Normalización Lingüística, impulsados polo Concello da Estrada, veñen de
reunirse para emitir o fallo da convocatoria deste ano. Hoxe mesmo deuse a coñecer a súa
decisión de galardoar neste 2026 a Asociación Cultural Coto Manguelo, Leilía e a empresa
Eferro. A entrega realizarase o vindeiro 12 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Principal.
Estes premios estradenses galardoan dende hai décadas o traballo a prol da lingua galega
en tres ámbitos: na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, no ámbito galego e no contexto
de toda unha vida. O xurado estivo conformado por Lucía Seoane Rosende, Iván Sanmartín
Eirín, José Parada Caramés, Henrique Vázquez Pernas, Xosé Lueiro Lemos e María Sanmartín
Ruzo, esta última exercendo como secretaria.
• PREMIO SAN MARTIÑO COMARCA TABEIRÓS-TERRA DE MONTES: Asociación
Cultural Coto Manguelo.
Fundada a comezos do ano 2000, foi durante dúas longas décadas unha das
entidades sen ánimo de lucro máis activas do rural estradense. Co obxectivo de
dinamizar a vida veciñal e promover a cultura e a lingua no ámbito rural, e
impulsada por unha nova directiva de mozos e mozas despois de varios anos de
inactividade, a asociación volveu a convocar proxectos coma o festival Manguelo
Folk, a Mostra de Teatro Afeccionado de Orazo da que se cumpren 18 edicións,
andainas micolóxicas e distintos obradoiros relacionados co folclore e a cultura
tradicional.
• PREMIO SAN MARTIÑO GALICIA ENTEIRA: Leilía
Fai dous anos que o histórico grupo de pandereteiras Leilía decidía poñer o
broche final a unha traxectoria de tres décadas e media sobre os escenarios que
comezou no ano 1989. Unha agrupación pioneira da música tradicional e folk de
Galicia que percorreu as aldeas recompilando pezas tradicionais que formaron
parte dos seus concertos e de discos como I é verdade i é mentira,
Consentimento, Son de Leilía, ou Vidas cantadas. Con este galardón, as persoas
que integran o xurado destes premios veñen saldar unha débeda contraída con
un dos proxectos musicais máis importantes da historia da música galega.
• PREMIO SAN MARTIÑO TODA UNHA VIDA: Eferro.
A firma de artesanía crucense Eferro, hoxe liderada pola artesá Elena Ferro
Lamela, destaca polo seu traballo cun produto moi representativo da tradición
rural: os zocos de madeira. Esta empresa familiar leva en vigor tres xeracións
dende que a fundara seu avó no ano 1915, converténdose nunha ferramenta
indispensable contra a despoboación e infravaloración do medio rural e na
defensa da cultura popular. Elena Ferro soubo recoller o legado familiar e, con
innovacións constantes, adaptarse ás necesidades e tendencias do mercado
comercializando os seus produtos en países como Alemaña, Estados Unidos ou
Nova Zelanda. Foi recoñecida co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.



































