OS TÉCNICOS DO CONCELLO EMITEN UN INFORME DESFAVORABLE AOASENTAMENTO DUNHA GASOLINEIRA NA ÁREA DA BAIUCA

 A resolución apóiase fundamentalmente en dous eixos: que o PXOM
prohíbe especificamente este uso neste solo e na consideración de que
neste caso non se entende acreditado que sexa aplicable o Real Decreto
6/2020.

O Concello da Estrada remitiu hoxe o informe
solicitado pola Consellería de Medio Ambiente sobre a compatibilidade urbanística do
proxecto que contempla a implantación dunha gasolineira na zona da Baiuca, en
cumprimento co trámite medioambiental no que está inmersa esta iniciativa
empresarial. Os técnicos emitiron un informe desfavorable á implantación do uso
proxectado nesta parcela.
A xeito de contexto, no marco do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da
Estrada, a proposta en cuestión pretende asentarse nunha parcela do Solo Urbano
Consolidado (SUC) na que resultaría de aplicación a ordenanza número 2, de edificacións
en bloque aberto. Neste ámbito os usos permitidos, segundo o artigo 42 da normativa
do plan estradense, son os residenciais (aplicacións segunda, terceira e sexta) ou o uso
comercial (na cuarta), neste caso en exclusivo. As estacións de servizo estarían reguladas
na categoría quinta, que se atoparía entre os usos non permitidos dentro da ordenanza
2. Polo tanto, o PXOM da Estrada recollería unha prohibición expresa ante este
asentamento, porque as estacións de servizo non estarían dentro da ordenanza de
aplicación neste solo.
Porén, o que acontece é que existe un Real Decreto do Estado (6/2020 do 23 de xuño)
que recolle que aos establecementos comerciais, se existen como base, pódeselle
integrar unha estación de servizo como equipamento. Se este Real Decreto fora de
aplicación neste caso específico, podería facer viable o asentamento con independencia
do recollido no planeamento urbanístico municipal.
Partindo deste contexto, o Concello ten hoxe sobre da mesa o informe desfavorable dos
técnicos de Urbanismo para a instalación desta gasolineira na Baiuca. A resolución
apóiase fundamentalmente en dous eixos: por un lado, a prohibición recollida no PXOM
e, por outro, a consideración de que neste caso non se entende acreditado que sexa
aplicable o Real Decreto 6/2020.
Interprétase que para isto último debería quedar acreditado que a estación de servizo
se proxecta na mesma parcela (ou agrupación de parcelas) na que se asenta o
establecemento comercial que pretende servir de base para poder acollerse ao artigo
terceiro do Real Decreto e atestiguar que a gasolineira se integra como equipamento de
dito local comercial.
Numerosas alegacións
Tendo en conta que o prazo de exposición pública remata mañá, 22 de outubro, o
Rexistro Xeral do Concello da Estrada estivo ao longo de toda esta mañá recibindo
numerosas alegacións relativas ao proxecto desta gasolineira.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, asume a sensibilidade e preocupación que esta
iniciativa espertou entre moitos cidadáns pola proximidade da parcela en cuestión á
escola infantil da rede autonómica da Galiña Azul e tamén a toda a zona residencial e de
servizos públicos da Baiuca, con edificacións como o centro de saúde ou os xulgados.
Con todo, o mandatario recoñeceu que o papel do Concello neste asunto foi o de
informar e deixar que fosen os técnicos os que se pronunciasen. Incidiu en que a
cuestión se analizou con todo o rigor e o respecto que deben acompañar ao
procedemento urbanístico.
Dende a administración local deuse hoxe traslado, en tempo en forma, ao informe
requirido por Medio Ambiente.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.