O CONCELLO DA ESTRADA INCORPORA UN NOVO VEHÍCULOELÉCTRICO PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOS ORGÁNICOS

 Esta nova dotación para o parque móbil municipal supuxo un
investimento de 120.000 euros, integramente financiados cunha
subvención da Consellería de Medio Ambiente.
 A concienciación e implicación cidadá resulta fundamental para a
obrigatoria implantación do quinto contedor.
 Nestes intres o 40% dos residuos depositados no colector verde deberían
botarse no marrón. Pola xestión deste lixo o Concello paga a Sogama
case 112 euros por tonelada.
 Arredor de 200 estradenses teñen a tarxeta do quinto colector.

O Concello da Estrada incorpora hoxe un novo vehículo
ao parque móbil do departamento municipal de Obras, un camión totalmente eléctrico que
se destinará a reforzar a recollida do lixo que os cidadáns depositan no colector marrón,
destinado a residuos exclusivamente orgánicos. O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, e o
concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, asistiron este mediodía á recepción do
vehículo na Praza da Constitución.
A adquisición deste camión eléctrico, específico para a recollida de biorerresiduos,
supuxo un investimento de 120.000 euros, se ben a súa incorporación non supón gasto
algún para as arcas municipais, xa que o novo recurso foi financiado integramente a
través da subvención concedida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de
Galicia.
O alcalde e o concelleiro coincidiron á hora de poñer o acento na importancia de reforzar
e intensificar a obrigatoria implantación do colector marrón na Estrada. Durán precisou
que neste momento o lixo orgánico que se bota no tradicional colector verde supón
unha importante penalización económica para o Concello, xa que estes residuos
representan actualmente o 40% do depositado nestas unidades.
Pola xestión de cada tonelada do lixo que vai aos contedores verdes (tecnicamente
tamén se lle dá o nome de colector gris) o Concello ten que aboar a Sogama case 112
euros. Atendendo á elevada porcentaxe destes residuos que poderían ir ao colector
marrón, este gasto é susceptible de reducirse moito a través da concienciación e
colaboración cidadá
Tarxetas
A recollida dos colectores marróns, que seguirán estendéndose polo casco urbano a
medida que se incremente o número de usuarios, realízase a día de hoxe dúas veces por
semana. As tarxetas de apertura para poder empregalos distribúense tanto nas
campañas de concienciación que se realizan a pé de rúa e entre os grandes produtores
deste tipo de residuos como mediante as solicitudes presntadas no Concello
(departamento de Alcaldía).
O último dato que se baralla apunta a que arredor de 200 estradenses empregan xa no
día a día o colector marrón, sendo 47 destes usuarios grandes produtores. O Concello
esgotou os 500 cubos que se repartiron no kit de benvida para o “voluntariado marrón”
e entregou outros 500 composteiros para vivendas do ámbito rural.
Os dez primeiros emprazamentos para estes colectores marróns escolléronse en función
da proximidade dos grandes produtores que primeiramente se sumaron a estes
depósitos de residuos orgánicos. Foron a Avenida de Pontevedra (no entorno do
supermercado Familia), Avenida de Santiago (nas inmediacións dos establecementos
Invictus e Inferno), Avenida de Benito Vigo (xunto Froitería Doi e Froiz), Avenida Benito
Vigo (á altura do número 24, próximo ao restaurante Gran Vía e Mesón da Estrada),
Avenida de Vigo (parte posterior do supermercado Froiz), Rúa Iryda (fronte
supermercado Familia), Praza de Abastos, Rúa Gradín (xunto Restaurante Samaná), Rúa
Leicures (ao inicio, no entorno de restaurante Manxares e outros establecementos da
contorna), Rúa 56 (Hostal A Bombilla).
Neste senso, Óscar Durán sinalou que se irán incorporando novos equipos en función
das zonas nas que se vaian producindo novas altas de usuarios.
Que residuos
En canto aos residuos que deben ir no colector marrón, cómpre lembrar que se reserva
para os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos,
restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas… En definitiva,
calquera resto orgánico.
Pola contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros,
compresas, bastóns de algodón para a hixiene dos oídos, plásticos e outro tipo de
residuos non orgánicos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.