- “Sen empresas non hai traballadores, polo que temos que favorecer que medren para xerar riqueza na súa contorna e para que os seus empregados teñan maior estabilidade e cada día mellores condicións. Así é como España avanzará máis rápido e mellor”, manifestou
- O cabeza de lista do PP pon en valor o proxecto empresarial de Martínez Otero, “xa que creou da nada unha gran industria, moderna e transformadora, grazas ao esforzo dunha muller e da súa familia ata converterse nun gran polo económico e laboral do municipio”
O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, anunciou hoxe a aprobación de medidas para favorecer o crecemento das empresas e dos empregos estables e de calidade cun futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo e concretou que ditas iniciativas de impulso no eido industrial e laboral plasmaranse a través de axudas, deduccións, normativas que outorguen seguridade xurídica e redución da burocracia.
“Ás empresas hai que darlles as ferramentas necesarias para que crezan, para que sexan máis competitivas e produtivas, xa que iso mellora a socioeconomía do seu territorio e de todo o país e é clave para que os postos de traballo teñan cada día mellores condicións”, manifestou nunha visita á empresa Martínez Otero da Estrada, na que estivo acompañado polo alcalde e presidente do PP local, Gonzalo Louzao.
O candidato do PP desglosou algunhas medidas nesta materia, como a redución das cotizacións para as empresas con maior número de traballadores fixos, a redución do imposto de sociedades a aquelas que reinvistan para o seu crecemento, o aumento das deduccións por investigación e innovación, a creación dun marco normativo empresarial estable, a revisión da lexislación que frea a produtividade ou os atrancos existentes que dificultan que as empresas medren por riba dos 250 traballadores.
“Sen empresas non hai traballadores e nós queremos que haxa empresas fortes e traballadores ben remunerados e estables, polo que temos que favorecer que as empresas teñan o mellor ecosistema para medrar, porque iso xera riqueza na súa contorna e permite que os seus empregados teñan cada día mellores condicións. Así é como España avanzará máis rápido e mellor”, significou Comesaña.
O cabeza de lista popular ao Congreso enmarcou a visita na xira que está a facer por toda a provincia cos sectores económicos para coñecer a súa realidade exacta e necesidades co obxectivo de enmarcalas nas propostas empresariais do PP para os próximos anos e destacou o proxecto de décadas de Martínez Otero como un exemplo do modelo de éxito a extender por toda España: “Aquí creouse da nada, sen que chegaran cartos externos de ninguén, unha gran industria, moderna e transformadora, grazas ao esforzo e talento dunha muller e á continuidade da súa familia ata converterse nun gran polo económico e laboral do municipio”.




































