Móvete presenta unha moción para “Tomar por norma no Concello da Estrada a adquisición de soportes de cultura (discos, libros, dvd…etc) creados por artistas locais, para poñelos a disposición de todos os cidadáns e alumnos dos centros de ensino localizados no concello, por medio de doazóns ás bibliotecas dos devanditos centros, así como á biblioteca pública, centros culturais e outros lugares de finalidade análoga.
A voceira de Móvete, Mar Blanco Casais explica que esta moción ten por obxectivo dar un pulo, pequeno pero exemplificativo, para dar a coñecer e poñer en valor aos nosos creadores e creadoras locais, ao mesmo tempo que se igualan as súas oportunidades de recoñecemento coas de moitos artistas foráneos, que si figuran habitualmente nas nosas bibliotecas e centros culturais, e tamén coa ollada posta en democratizar a cultura para que calquera cidadán estradense, independentemente da súa condición social e económica, poida coñecer e acceder a súa cultura presente tanto coma a pasada.
Por outra banda, a posta a disposición de creacións de artistas locais nos centros de ensino do Concello, ademais de cumprir cunha finalidade de recoñecemento e propagación da propia cultura, tamén poder ser un referente e un aliciente para os rapaces e rapazas que teñan xa ese pulo creativo ou que mesmo poidan chegar a desenrolalo co estímulo destes creadores e creadoras, ao fin e o cabo, veciños e veciñas deles, e que poden servir coma faro e guía, como exemplo de que o esforzo ten a súa recompensa, e as veces esta é tan modesta como en ocasións difícil de acadar, e falamos do recoñecemento veciñal.
Por ultimo, dado que dende Móvete temos a firme convicción de que todos debemos apoiar aos creadores e emprendedores locais, e con máis sentido as institucións locais que nos representan, creemos que é de xustiza e suficientemente motivado poñer en marcha o que propomos nesta moción.






































