López afirma que Silva e el están condenados a entenderse

O alcalde da Estrada, José López Campos, afirmou hoxe que, aínda que non coincide na forma de facer política nin en moitos outros aspectos coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ambos están condenados a entenderse en prol da cidadanía.

A pesar de que mantén as súas palabras de onte con respecto ao desprezo mostrado pola presidenta provincial cara a Feira do Moble, López asegurou que “os cidadáns están cansos de ver políticos discutindo na televisión, polo que é hora de facer o máis intelixente e rebaixar o nivel de crispación política”.

Para A Estrada, agora mesmo, arranxar os problemas de requirimentos cos asfaltados, co campo de fútbol Manuel Regueiro, para o que onte chegou un segundo requirimento por parte da Deputación, as fontes do rural e as zonas de xogos dos xardíns da Alameda son a prioridade, tanto para o Concello como para a veciñanza. Por ese motivo, o alcalde pediu que se axilice a resolución dos requirimentos para o Plan Concellos, cuxos proxectos si foron entregados dentro de prazo, sinalou.

Con respecto á eficiencia á hora de xestionar os proxectos advertiu de que non se pode comparar o proceso de creación e desenvolvemento dun proxecto, con todo o que implica: licitación, adxudicación, execución e xustificación coa revisión dos mesmos xa redactados, validados e informados polos técnicos municipais.

O rexedor local lamentou tamén que na Estrada non se fixera nin unha soa inversión fóra do Plan Concellos e que sexa a única localidade que a día de hoxe non teña nin un só proxecto aprobado dentro deste, para o que instou á presidenta provincial a deixar a un lado as súas diferenzas políticas e xuntar forzas para solucionar os problemas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta