Xa á venda as entradas para a Gala de Nadal do Teleclub da comedia

Xa se atopan á venda as entradas para a Gala de Nadal do Teleclub da comedia, que se celebrará o vindeiro xoves 27 de decembro ás 21:00 horas no Teatro Principal. Poderán adquirirse a un prezo de 5 euros no Departamento de Cultura do Concello, no Café-Bar Boliche e na billeteira do teatro momentos antes do comezo do espectáculo.

A gala reunirá as actuacións dos artistas estradenses Chelo do Rejo, Manolo do Atlético, o mago Toño, Nono, Merjerita, Miguel Guido, o Padre Xiao e Pablo Chichas, que asumirá o papel de presentador do evento, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. Ademais contará coa actuación musical do trío conformado por Carlos Barruso, Héctor Martínez e Manuel Brey, que amenizarán os espazos entre actuacións.

O concelleiro finalmente animou á veciñanza a arroupar esta “festa do humor con sabor estradense” e compartir o éxito deste circuíto de actuacións que usualmente se levan a cabo nas zonas rurais mediante as actuacións dos artistas nas diferentes parroquias.

Chelo do Rejo engadiu a continuación que a posta en marcha da primeira gala o ano pasado supuxo un comezo fantástico tanto para o público, que a acolleu con agrado, como para os propios artistas, nunha función dinámica e con enerxía na que os monólogos curtos, de arredor de sete minutos, se suceden con fluidez, non dando tempo aos asistentes a cansarse dunha mesma intervención.

Pablo Chichas, pola súa parte, reivindicou o papel social do Teleclub, que cualificou como a “iniciativa cultural máis importante da Estrada”, xa que supón un medio que achega o teatro e a cultura á porta da casa da xente. Unha xente que nalgún caso apenas tivo oportunidade de presenciar obras teatrais e que a través deste medio se achegaron por primeira vez ao mundo das artes escénicas.

O artista rematou afirmando que esta gala é o vehículo para agradecerlle á xente da Estrada o esforzo e traballo que fai durante todo o ano e sinalou que todos os textos da gala son inéditos, de nova creación e non pasaron polo circuíto do Teleclub, co que animou á veciñanza a acudir ao espectáculo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta