- Inclúe concertos de Dani Barreiro Dúo, The Bichos Band ou un tributo acústico á música de Joaquín Sabina
- As Andainas do Recreo animarán aos socios a sumarse a rutas circulares de sendeirismo no mes de maio
- A compañía Malasombra achegará o teatro á entidade, coa súa obra Go on
Unha feira do libro será a encargada de iniciar, este sábado, a
programación de primavera do Recreo Cultural da Estrada. Con Follas Novas, Follas Vellas
arrancará unha sucesión de citas que busca encher as instalacións de literatura, música e
teatro, tecendo un tapiz no que, unha vez máis, a cultura e o recreo honren o nome desta
antiga e numerosa sociedade estradense. Para a súa elaboración, a entidade agarda contar coa
colaboración da Deputación de Pontevedra e Concello da Estrada, ademais de abrir as súas
apostas ao patrocinio de entes privados.
9 de abril: Follas Novas, Follas Vellas: Está todo listo para acoller este sábado a que
será a primeira edición desta feira do libro, na que se une a venta de libros coa
distribución de exemplares de segunda man cun carácter solidario a prol da Asociación
Síndrome de Angelman (ASA). O evento será ABERTO AO PÚBLICO EN XERAL, sexan
ou non socios, e terá un horario de 11.00 a 20.00 horas.
Ás 11.00 quedará inaugurada a feira coa apertura dos postos que nela terán as
librarías Marxe, Durán, Pintaletras e Lolimay, ás que se sumará a tamén estradense
Editorial Raposeiras. A esa hora comezará tamén a funcionar o posto Follas Vellas,
dende os que se comercializarán os libros doados ao longo destes últimos días.
Venderanse a dous, tres e cinco euros.
“Énchenos de orgullo a resposta ofrecida polos socios, e tamén por persoas
alleas ao Recreo Cultural, aportando os seus libros a esta causa. Só nos queda agora
esperar que se vendan para recadar a suma máis alta posible para a asociación que
axuda a nenos con síndrome de Angelman e ás súas familias”, apunta o presidente do
Recreo Cultural, Iago González Beceiro. O citado colectivo estará representado na feira
con material divulgativo da súa actividade. A recollida de libros de segunda man foi
todo un éxito e permitiu obter numerosos e interesantes exemplares bibliográficos
para lectores de tódalas idades.
Dende as 11.30 horas comezarán a chegar os autores convidados para asinar e
vender os seus libros. Serán Andrea Valcárcel, Susana Sánchez Aríns e Chus Iglesias,
ás que se sumarán pola tarde Xosé Luna, Rosalía Morlán e Charo Golmar.
As 12.00 a música e o baile das escolas de Tequexetéldere entrarán en escena, da man
de medio cento de bailadores e pandereteiras que irán desfilando en sucesivos
números. Unha hora máis tarde arranca o obradoiro infantil de Blackout Poetry. Xa de
tarde, ás 16.00, está programado un Escape Room inspirado en contos e grandes
clásicos la literatura infantil. Ás 18.00, Luna, Morlán e Golmar uniranse nuna
presentación de varias das súas obras, musicada por Manoele de Felisa. Xa ás 19.00
será a quenda dos adultos para iniciarse na Blackout Poetry, da man de Laura Filloy.
Ademais, Follas Novas, Follas Vellas dará a oportunidade de facerse con
números antigos da publicación anual do Museo do Pobo Estradense, A Estrada.
Miscelánea Histórica e Cultural, para aqueles que coleccionan esta revista e non
puideron facerse con algún dos exemplares máis antigos.
A feira contará tamén con un recuncho para xogar coas letras, onde, ao longo
de todo o día os máis pequenos poderán experimentar co lettering, sopas de letras,
encrucilladas ou labirintos.
SÁBADO 23 DE ABRIL: O mes do libro continúa no Recreo Cultural, coa presentación,
no día propio do libro, dun poemario de J.L. Graña Muiño, publicado en Medulia
Editorial. O acto inclúe análise e recitado de textos e contará coa participación de Xosé
Manuel Lobato, Pilar Bernárdez, Xosé Luna, Ángeles Madriñán e Noa Cabaleiro, xunto
co propio autor.
DOMINGO, 24 DE ABRIL: Neste día de primavera comezan as Andainas do Recreo, un
programa de rutas que terán saída e chegada nas instalacións da entidade. Os
participantes terán que inscribirse e aportarán unha simbólica cantidade a xeito de
copago para contribuír á valorización da actividade. Percorrido de dez quilómetros.
SÁBADO 30 DE ABRIL. FESTA DA PRIMAVERA. Será todo un día destinado a celebrar
xuntos a alegría e rexurdimento propios da estación que da nome a este evento. Os
socios poderán convidar a unha parella non socia a sumarse á festa. A sesión vermú
contará con Dani Barreiro Dúo, ás 13.00 horas, para ir abrindo boca de cara a un
xantar popular de confraternización. Xa pola tarde voltará a música, da man dun
concerto de The Bichos Band.
DOMINGO 1 DE MAIO: Continuarán os eventos de marcado acento cultural, desta
volta coa presentación dun libro do músico estradense Manuel Brey, centrado na
emigración.
DOMINGO 8 DE MAIO: Unha nova cita das Andainas do Recreo, neste caso cun
percorrido de 14 quilómetros.
SÁBADO 28 DE MAIO. Neste día serán os amantes da música de Joaquín Sabina os que
estean de noraboa. O Recreo Cultural acollerá un acústico do grupo La penúltima
sabinera, unha agrupación tributo ao célebre cantante.
SEGUNDA FIN DE SEMANA DE XUÑO: Co arranque do mes de xuño chegará,
previsiblemente na segunda fin de semana, a apertura das instalacións acuáticas do
Recreo Cultural. Desta volta está programada unha festa de apertura con xogos
infantís, deporte e música. Haberá inchables para os nenos, un torneo de pádel (aberta
a xogadores non socios, con dez euros de inscrición) e música a cargo dun DJ.
VENRES, 17 DE XUIÑO: A compañía estradense Teatro Malasombra, dirigida por
Xoque Carbajal, porá en escena nos salóns da entidade a súa obra Go on.
XOVES, 23 DE XUÑO: O verán recibirá a benvida no Recreo Cultural coa clásica Festa
de San Xoán. Non faltará a gastronomía máis típica desta data nin tampouco a música.
Para a ocasión o grupo escollido foi Dani Barreiro&Friends. Ao seu son chegará o
momento de saltar a cacharela nesta noite máxica do solsticio de verán.
A programación de primavera terá no CAMPAMENTO DE VERÁN e nas actividades que xa se
están deseñando para as noites do estío o seu relevo.







































