López destaca os avances no acondicionamento da
praia fluvial e anuncia que abrirá o 1 de xullo

o Os/as alumnos/as do Obradoiro de Emprego xa remataron a poda e a replantación
de árbores, a colocación dos bordos e a construción do mobiliario
o O Concello executará a segunda parte do proxecto, que consistirá na construción
dun edificio novo con cafetería, vestiarios e baños, previsto para o 2023

O alcalde da Estrada, José López, asegurou esta mañá que
“a praia fluvial estará plenamente operativa o 1 de xullo”, despois de comprobar os
avances nos traballos de mellora e acondicionamento que están a levar a cabo na praia
fluvial de Liñares os/as alumnos/as dos módulos de xardinería e carpintaría do Obradoiro
de Emprego estradense.
Durante a súa visita, o alcalde estivo acompañado polo director do Obradoiro de
Emprego, Luis Miguel Galván; o concelleiro de Facenda, Alberto Blanco; e o titor do
módulo de xardinería e forestal do Obradoiro, Jose Manuel Picallo.
O director do Obradoiro, Luis Miguel Galván, destacou que están cumprindo “con todos
os prazos establecidos e mais co orzamento”. Concretamente, sinalou entre as
actuacións xa rematadas a poda de 150 árbores “durante case dous meses, xa que parte
dela tivo que realizarse de xeito manual”; a limpeza e o acondicionamento do terreo; a
replantación dun cento de árbores; a colocación dos bordos; e a construción de 10
hamacas, unha pérgola para as persoas con mobilidade reducida e o/a socorrista, unha
ducia de bancos de madeira e seis mesas de madeira, dúas delas para persoas con
mobilidade reducida.
O módulo de carpintaría continuará agora coa construción dun camiño de “zahorra”
cuberta con resina escura para reducir o impacto medioambiental, coa finalidade de que
as persoas con mobilidade reducida poidan chegar ata a zona de baño. Ademáis, forrará
as mesas con madeira e elaborará carteis indicativos. Pola súa banda, o módulo de
xardinería/forestal ten pendente a instalación do sistema de regadío e a plantación de
flores de tempada e arbustivas “intentando buscar as cores do escudo da Estrada”,
asegura Galván.

Na súa intervención, o alcalde da Estrada asegurou que “aínda que o 1 de xullo non
estarán rematados todos os traballos”, xa que o Obradoiro finaliza en agosto, “grazas ao
bo facer dos/as alumnos/as a zona de baño e a de tránsito estarán listas para esa data”.
Ademáis, López destacou a importancia do Obradoiro para a “formación e a mellora da
empregabilidade de mocidade con problemas para incorporarse ao mercado laboral”,
grazas ao certificado de profesionalidade que adquiren os/as alumnos/as ao seu remate.
Unha vez finalice o Obradoiro de Emprego, no mes de agosto, quedará pendente de
realizar “outro proxecto do que xa temos as autorizacións”, asegurou López, e é a
“construción dun edificio singular en madeira con cafetería, vestiarios e baños, que lle
aporten un valor engadido”. O alcalde sinalou que o Concello da Estrada intentará
avanzar nesta segunda parte do proxecto ao longo deste ano, co obxectivo de que se
execute durante o 2023.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta