O escultor Cándido Pazos pregoará a XLVIII Festa
do Salmón, que retoma o seu formato habitual

o O Centro de Iniciativas e Turismo acorda conceder o Salmón de Ouro ao 112 e ao
Centro de Saúde da Estrada polo seu labor durante a pandemia


o O domingo recuperarase a degustación popular na Praza do Novo Mercado con
bandexas a 5 euros e unha decena de establecementos

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, anunciou esta
mañá durante a presentación das actividades da XLVIII Festa do Salmón que o escultor e
escritor Cándido Pazos será o pregoeiro desta edición, que se celebrará os días 14 e 15
de maio e que recuperará o formato tradicional despois de dous anos condicionada pola
pandemia.
Constenla xustificou que o Centro de Iniciativas e Turismo elixira a Cándido Pazos como
pregoeiro “pola súa vinculación coa Estrada, tanto persoal coma profesionalmente”, con
varios dos seus traballos nas rúas da vila. Xunto ao escultor, este ano serán distinguidos
coa insignia do Salmón de Ouro o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 e o
Centro de Saúde da Estrada, “para poñer en valor o seu labor durante estes dous anos de
pandemia”.
No eido gastronómico, o acto central desta cuadraxésimo oitava edición volverá ser a
degustación popular de salmón, que terá lugar o domingo 15 de maio entre as 12.00 e as
15.00 horas na Praza do Novo Mercado. As bandexas, con dúas racións, terán un custo
de 5 euros e tanto a veciñanza coma os/as visitantes poderán probar 20 receitas dos
seguintes dez establecementos: Malo Será, Cervela, A Casa do Pan, Ananás, A Bombilla,
Mr. Pizza, Velis Nolis Bistró, O Asador de Leo, Os Peares e Valenciaga.
Ademáis, durante o venres 13 e o sábado 14 de maio, de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00
horas, haberá unhas “xornadas de tapeo” nas que participarán 21 establecementos
estradenses con tapas a 2,50 euros co salmón como protagonista. Esta ruta das tapas
estará dividida do seguinte xeito: o venres será a quenda do Samaná, O Lar, A Taberna da
Feira, A Bodeguiña, O Candil de Silvia, Taberna Navegación, 20 Berzas, Bar Enredo, A
Bombilla, Cervexería Eureka e Velis Nolis Bistró. O sábado, a ruta continuará no Ananás,O Café de Xulia, Gran Vía, O Mesón, O Paseo, Bar Oasis, Malo Será, O Bodegón e
Andalucía.
Aquelas persoas que participen nestas xornadas recibirán unha tarxeta que deberán
cubrir cos seus datos e, unha vez selada en cinco establecementos, participarán nun
sorteo de cestas de agasallos.
Durante a fin de semana, a oferta gastronómica irá acompañada de actividades culturais
e deportivas que completarán a programación do evento. O sábado 14 de maio a xornada
comezará ás 8.00 horas coa celebración do Raid Hípico do Salmón, que por primeira vez
terá carácter internacional e incluirá unha proba de 100 quilómetros que sairá da Praia
Fluvial de Liñares e discorrerá por distintas parroquias estradenses. Esta mesma proba
tamén será puntuable para o Campionato Galego e xa conta con 40 cabalos inscritos.
Pola tarde, a oferta deportiva continuará coa VII edición do Rafting do Ulla, que sairá ás
16.00 horas do Couto de Ximonde. Haberá 50 prazas dispoñibles para participar e aquelas
persoas interesadas poderán inscribirse de xeito presencial ou por teléfono na Alcaldía
ata o venres 13 de maio ás 14.00 horas. A xornada finalizará ás 21.00 horas co festival
“Salmón Rock”, que terá lugar na alameda e contará coas actuacións dos alumnos/as da
escola Musikenos. Ademais, ao longo da xornada do sábado haberá animación infantil
polas rúas da Estrada con actividades de malabares, trapecistas e circo de rúa das
compañías Troula Animación, Piscores, Javi Javichi e Vol en Temps.
As actividades do domingo 15 de maio, día grande da Festa do Salmón, comezarán ás
12.00 horas no Teatro Principal coa lectura do pregón e a imposición dos Salmóns de
Ouro. Ás 12.30 horas, o espectáculo “Sabor” da compañía Culturactiva acompañará aos
asistentes á degustación popular na Praza do Novo Mercado, onde ás 13.30 horas terá
lugar a actuación do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso. Pechará o programa
a actuación da Coral Polifónica Estradense no Teatro Principal ás 19.30 horas.
Durante a presentación, o responsable de Cultura estivo acompañado do concelleiro de
Promoción Económica, Óscar Durán; a presidenta da Asociación de Hosteleiros da
Estrada, Adriana Abelleiro; e o membro directivo da Sociedade Cabalar Estradense
(Socade) Marcos Puga.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta