A edil Amalia Goldar participou no acto de homenaxe, no que agradeceu
“a súa incansable labor á fronte do centro, así como a súa excelsa
traxectoria e aportación á comunidade educativa estradense”
A edil de Benestar Social, Igualdade y
Educación acudiu esta mañá en representación do Concello da Estrada ao acto
de homenaxe á directora do CEIP do Foxo, Rosa María Ferreira Castro.
A xornada, celebrada co gallo da conmemoración do Día Mundial das
Bibliotecas, reuniu a compañeiros da homenaxeada, escritores, alumnado e
representantes institucionais que se deron cita para recoñecer o traballo da que
leva sendo directora do centro desde o ano 1998.
Os actos incluíron a plantación dunha árbore na entrada do colexio, no
coñecido como ‘Xardín da Poesía’ cun texto colgado dunha das súas polas.
Tamén se presentou a edición do libro ‘Palabras para Rosa’, na que numerosas
autoras e autores e mestres, como Valentín García Gómez, Rosalía Morlán ou
Armando Requeixo, entre outros, así como a comunidade educativa do CEIP
do Foxo lle adicaron verbas de recoñecemento.
Na súa intervención, Goldar agradeceulle á directora “a súa incansable labor á
fronte do centro, así como a súa excelsa traxectoria e aportación á comunidade
educativa estradense”.
43 anos na docencia dos cales 25 son á fronte do CEIP do Foxo
Estradense de nacemento, Ferreira Castro iniciou a súa actividade docente no
1980 no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Sería no 1991 cando se
uniría ao equipo docente do CEIP do Foxo, centro que dirixe desde o 1998.
Foi membro da comisión organizadora da Festa dos Pereiriños en Curantes
dende o ano 2008, durante 10 anos e membro do Centro de Iniciativas e
Turismo dende o ano 2013.
Participou nunha campaña a prol de cáritas coa que se consegue recadar
10.000 euros pola venda do libro 90 cousiñas (Ed. Fervenza, 2003) do mestre e
amigo Xosé Luna, co que ten colaborado en múltiples actos: presentación A
Estrada, Románica (Ed. Fervenza, 2020); A mar, amar (Ed. Bolanda, 2022);
mesmo é autora do prólogo do poemario Sol Rebulideiro (Ed. Fervenza, 2012).
Asemade, ten participado na presentación do libro Tilirín e a poesía de hoxe
(Ed. Fervenza, 2011) do ilustrador e escritor Héitor Picallo.
Como dinamizadora cultural ten coordinado e participado, sempre tendo como
eixe a escola, en multitude de proxectos (exposicións, roteiros culturais,
obradoiros teatrais, de poesía, encontros con escritores, artistas plásticos,
cantautores…) encamiñados ao fomento e á animación da lectura.
Responsable de dinamización da Biblioteca “Xosé Neira Vilas” dende o ano
2014
Escribe o artigo, “Don Olimpio Arca Caldas no CEIP do Foxo” no libro
Homenaxe a Olimpio Arca Caldas (Ed. Fervenza, 2016) e coordinou a
publicación, Pereiriños (Boletín Informativo da Biblioteca “Xosé Neira Vilas” do
CEIP do Foxo (Ed. Máis Deseño, 2016).
Participa, abril de 2021, no congreso Summit da Escrita Criativa que dende
Oporto dirixe o escritor e profesor Joao Manuel Ribeiro coa conferencia, “O mel
nos beizos”.
Tamén foi pregoeira da XI edición da Festa de San Marcos en Lamela, Silleda,
en maio de 2022.
GALERÍA FOTOGTÁFICA:




























































