A iniciativa, posta en marcha en febreiro do ano pasado, sumou un
total de 454 reservas e unha distancia de 34.559 quilómetros.
O vehículo eléctrico promedia uns 76 quilómetros por cada reserva
realizada.
O Concello da Estrada fai balance dos
datos obtidos do servizo de carsharing posto en marcha en febreiro do ano
pasado. As cifras evidencian o éxito da iniciativa, dado que desde a súa
entrada en funcionamento o vehículo eléctrico foi reservado un total de 454
veces percorrendo unha distancia total de 34.559 quilómetros.
A iniciativa, integrada no PLAN VIVE, a través do cal Hyupersa cedeu un
vehículo eléctrico, modelo Hyunday Kona, para o seu emprego por parte da
veciñanza empadroada co Concello da Estrada, reafirmou o compromiso do
goberno local pola promoción dunha maior sustentabilidade a través da
redución das emisións de gases de invernadoiro.
Deste xeito, as cifras anuais ratificaron a tendencia positiva que presentou o
balance realizado no ecuador do 2023, concretamente no mes de xuño, cando
o automóbil sumaba ao redor dos 13.000 quilómetros e 300 reservas.
Os veciños e veciñas que desexen seguir facendo emprego do servizo do
vehículo eléctrico, instalado na avenida Benito Vigo, poderán continuar
beneficiándose do mesmo aboando unha tarifa de cinco euros por hora de uso
durante as catro primeiras horas, e en adiante aplicarase unha tarifa plana
cunha contía máxima de vinte euros ao día.
As reservas poden realizarse a través da app Vive Hyundai, e a través delas os
usuarios poderán desprazarse durante un máximo de 24 horas nun radio de
170 quilómetros.







































