O CONCELLO IMPULSA UN PLAN DE RECUPERACIÓN DA ÁREARECREATIVA DA CARBALLEIRA MUNICIPAL DA ESTRADA

 A intervención enmárcase no Plan de Compensación Ambiental
 Suporá a eliminación dunha antiga zona asfaltada que agora se adentra
na carballeira, de xeito que se gañe espazo para a zona verde
 As obras incluirán unha roza de toda a superficie deste espazo urbano
para o esparexemento e a construción de dous sendeiros que o atravesan

O Concello da Estrada impulsa un plan integral de
recuperación da área recreativa da Carballeira Municipal da Estrada, un espazo pensado para o
esparexemento e goce da natureza no entorno urbano da capital estradense. A iniciativa
encáixase, segundo concretou hoxe o alcalde, Gonzalo Louzao, nos fondos do Plan de
Compensación Ambiental para o ano 2025 e suporá un investimento superior aos 8.700 euros.
A intervención programada neste recinto, emprazado na Zona Deportiva, estará centrada na
eliminación dunha antiga zona asfaltada, en beneficio da zona verde , así como na roza e limpeza
da totalidade da superficie. A obra aproveitarase para a formación de paseos con xabrecemento, por seren este un material de fácil integración e para o que se estima una durabilidade
axeitada.
O rexedor estradense subliñou que este é un proxecto que busca a posta en valor da Carballeira
Municipal, coa intención de que os cidadáns poidan chegar ata este espazo para gozar de tempo
de ocio ao aire libre. Dende hai anos ata esta área recreativa pode chegarse a través dun vial que
remata por adentrarse no propio recinto. A actuación prevista consiste na retirada do
aglomerado asfáltico que invade a zona da carballeira, realizado na década dos 90, de xeito que
os vehículos non poidan acceder ao paseo. Máis polo miúdo, demolerase e retirarse o pavimento
existente nunha superficie de algo máis de 300 metros cadrados.
Como queda avanzado, realizarase tamén unha roza da superficie total do recinto, retirando os
restos da mesma, de xeito que a zona de campo quede limpa e utilizable. Posteriormente, a
intervención continuará coa construción de dous paseos que cruzan a carballeira, cun ancho de
1,5 metros, para gozar dos carballos e do resto da vexetación que existe neste fermoso
emprazamento.
O prazo de execución das obras de reforma e recuperación da Carballeira Municipal da Estrada
será de dous meses, coa previsión de que os traballos poidan arrancar cara o verán, de xeito que
o bo tempo poda axudar a unha execución áxil e sen atrancos.

A Carballeira Municipal é unha importante zona verde no casco urbano, situada preto dos tres
institutos públicos e do recinto no que se localizan a Academia Galega de Seguridade Pública
(Agasp) e o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)-112 Galicia. Empregado para o
paseo e a práctica deportiva por moitos estradenses, en sucesivas ocasións foi obxecto de plans
específicos de mantemento, como os desenvolvidos por algúns Obradoiros de Emprego.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.