Na Rúa Pérez Viondi actuarase nun tramo de 300 metros para mellorar
a mobilidade nun espazo sensible pola presenza dun colexio na principal
entrada ao casco urbano dende o sur do concello.
As obras incluirán a humanización da praza fronte ao centro educativo,
construíndo unha zona cuberta para as esperas nos días de chuvia.
A Deputación creará unha variante para a conexión da EP-7016 coa
N-640 á altura da actual rotonda das Colonias.
Unha senda peonil mellorará seguridade na estrada provincial que parte
do Alto da Cruz ata Matalobos, con 2,5 quilómetros de lonxitude.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, trasladouse esta
mañá ata as dependencias da Deputación de Pontevedra para manter unha reunión coa
nova deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, a forcaricense Belén
Cachafeiro, ao obxecto de facer repaso das actuacións que o departamento ten en
marcha ou pendentes no municipio estradense. O rexedor centrou o encontro no
impulso a tres actuacións: a humanización da Rúa Pérez Viondi, a conexión entre o vial
provincial A Estrada-Vinseiro e As Casetas coa nacional N-640 e a mellora da mobilidade
peonil na estrada provincial EP-7004, entre Alto da Cruz de Matalobos.
No tocante á humanización da rúa Pérez Viondi, o alcalde estradense obtivo, ao remate
de 2024, o compromiso do presidente da Deputación, Luis López, coa iniciativa na que
foi tamén a súa primeira visita como rexedor da Estrada á sede da institución provincial.
O Concello busca, coa actuación neste acceso ao casco urbano estradense dende o sur
do municipio, dar continuidade á mellora dos espazos urbanos que vén
desenvolvéndose nos últimos anos. A Rúa Pérez Viondi correspóndese no seu primeiro
tramo co discorrer urbano da estrada provincial EP-7001. Son uns 300 metros,
comprendidos entre a conexión con Ouzande e a Avenida Benito Vigo.
Louzao e Cachafeiro abordaron na reunión de onte como esta obra suporá reordenar os
tráficos peonís e de vehículos para garantir unha mobilidade segura nun entorno que
coincide coa zona de acceso ao colexio Manuel Pérez Viondi, un dos de maior volume de
matrícula que ten A Estrada. Aínda que a rúa ten un asfaltado recente, a urxencia que
traslada o Concello ante esta obra pasa por mellorar as condicións do tránsito, tendo en
conta que é un tramo moi empregado -en especial ás horas de entrada e saída do centro
educativo-e que se integra no plan Camiño Escolar Seguro.
A proposta na que está traballando xa a Deputación implica anchear as beirarrúas e
dotar á Perez Viondi de nova iluminación, zonas verdes e mobiliario. Louzao e Cachafeiro
abordaron tamén a intención de incluír neste proxecto de mellora a actuación na praza
pública que existe diante do colexio. A pretensión é que este recinto quede humanizado,
aspecto que comporta liberalo de vehículos e habilitar nel unha parte cuberta para que
nenos e adultos poidan empregala para gorecerse da chuvia durante os tempos de
espera.
Conexión coa estrada a Vinseiro
Outro dos proxectos que abordaron o alcalde e a deputada provincial de Infraestruturas
foi a conexión entre a EP-7016 e a N-640, unha cuestión que dende hai tempo preocupa
ao goberno local. A intención da institución provincial é executar unha conexión máis
segura entre a vía provincial que vai da Estrada a Vinseiro e As Casetas coa nacional. O
financiamento da actuación será integramente asumido pola institución provincial, con
un orzamento que superará os 216.000 euros. Pola súa banda, o Concello tería que
asumir as expropiacións para poder dotar dunha maior anchura á estrada.
A EP-7016 ten un treito inicial cun ancho moi reducido, sen beiravías e con moi pouca
visibilidade, xa que a traza presenta curvas pronunciadas. O proxecto suporá a
construción dunha variante que conecte a vía coa N-640 á altura da rotonda das
Colonias. A nova conexión terá un trazado lineal, con 7 metros de ancho, fronte aos 4,5
da actual. Asemade, contará con beiravías de medio metro en ambas dúas marxes, co
que se mellorará a seguridade.
Ao remate do acto, o alcalde sinalou que a actuación avanza de xeito decidido e está
pendente agora de informes sectoriais previos á sinatura do convenio entre o Concello e
a Deputación de Pontevedra. Un deles é o de Fomento, polo que se interesou o rexedor
aproveitando a súa presenza na capital provincial, acudindo á Unidade de Estradas do
Estado en Pontevedra. “Este é un tema prioritario porque é unha cuestión de
seguridade. Poder saír con visibilidade cara rotonda é clave para que esta conexión sexa
segura”, apuntou o mandatario.
O alcalde da Estrada e a deputada de Infraestruturas tamén puxeron en común os
avances no proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-7004
entre Alto da Cruz e Matalobos. A pretensión da institución é crear unha senda peonil
para mellorar a seguridade no tránsito. Serán 2,5 quilómetros de senda pola marxe
dereita, ata alcanzar a igrexa parroquial de Matalobos. A marxe esquerda quedará como
ata agora, coa excepción das zonas nas que existen vivendas ao pé da estrada, fronte as
que se fará un formigonado con recollida de pluviais.







































