O acuartelamento estradense conta actualmente con 18 axentes en
seguridade cidadá.
O alcalde da Estrada aproveita a reunión co coronel para pedir que se
conserven na localidade servizos específicos como Intervención de
Armas ou Seprona, con efectivos próximos a pasar á reserva.
O rexedor destaca a sensibilidade e receptividade do novo mando da
Comandancia de Pontevedra coa importancia do posto da Garda Civil
na Estrada.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
desprazouse esta mañá ata as dependencias da Comandancia da Garda Civil en
Pontevedra para manter unha reunión co seu novo responsable, o coronel Manuel
Touceda. O encontro estivo centrado na situación do acuartelamento do Instituto
Armado neste municipio en canto a medios materiais e efectivos. O rexedor aproveitou
a ocasión para trasladar formalmente como alcalde a súa satisfacción ante o feito de que
sexa un estradense o que asuma agora o mando da Garda Civil na provincia de
Pontevedra.
Ao remate do encontro, Louzao Dono explicou que o seu interlocutor lle fixo chegar a
previsión de que proximamente se publicará a convocatoria de prazas para tres novos
efectivos no cuartel da Garda Civil da Estrada, ao que actualmente se vinculan 18
axentes en seguridade cidadá.
O alcalde tivo a oportunidade de trasladarlle ao novo responsable da Comandancia en
Pontevedra o interese do Concello da Estrada en que o cuartel da Garda Civil conserve
nesta localidade dous servizos específicos deste corpo, como son o Servizo de Protección
á Natureza (Seprona) e o de Intervención de Armas. O mandatario detallou que nestas
áreas hai axentes que están nunha idade próxima a “pasar á reserva”. Tras confirmar
esta situación co coronel, pediu que estas circunstancias non sexan incompatibles con
mantemento destas dúas especificidades de servizo no cuartel da Estrada. Segundo
indicou o rexedor, Touceda comprometeuse a seguir moi de preto os cambios para que
estas dúas áreas se poidan manter na capital municipal.
Un bo coñecedor do cuartel
O xefe do executivo local puxo o acento en que Touceda é bo coñecedor da realidade do
cuartel da Garda Civil na Estrada, non só polo cargo que agora ocupa e que xa veu
ocupando durante anos como número 2 da Comandancia en Pontevedra, senón tamén
porque seu pai foi axente da Garda Civil na Estrada e el mesmo viviu neste cuartel.
Gonzalo Louzao observou no coronel unha gran sensibilidade cara as que, dixo, son as
dúas sedes importantes para o servizo deste corpo na zona: “Lalín e A Estrada”. “Sinalou
que funcionarán como postos principais os dous”, afirmou o rexedor.
Manuel Touceda exerceu de guía esta mañá do alcalde da Estrada pola Comandancia da
Garda Civil en Pontevedra, amosándolle como están dotados e funcionan os distintos
departamentos e unidades. “Amosoume tamén os medios tecnolóxicos cos que contan,
que axudan a profundar nesa sensación de que a Garda Civil está sempre aí e que ten os
medios para auxiliar aos múltiples gardas que vixían e garanten o mantemento da
seguridade cidadá”, dixo o mandatario estradense.
Louzao compartiu con Touceda a importancia que estes efectivos teñen para un
municipio tan extenso como o estradense, con 473 núcleos. Puxo o acento no valor que
para todos eles ten o feito de que a Garda Civil estea sempre aí para complementar e
ampliar o traballo que realizan os axentes da Policía Local.







































