O Grolo de Ouro será este ano para Sidraturismo Asturias, premiando a
súa aposta pola combinación dos sectores sidreiro e turístico.
A vertente turística da sidricultura no Concelo da Estrada exaltarase o
venres coa presentación oficial da Ruta da Sidra.
Este mércores péchase a venta anticipada de vasos no Novo Mercado, de
10.00 a 14.00 horas.
O primeiro sumiller de sidra de España, Haritz Rodríguez, ofrecerá
tamén o venres unha masterclass con cata comentada de sidras do
mundo.
A xornada feiral de mañá mércores será, tamén, o último
día da venta anticipada de vasos para a XII Feira da Sidra. A organización, que recae na
Asociación Maceira e Sidra e no Concello da Estrada, confía en que esta última xornada
permita superar o 30% dos vasos distribuídos, co único obxectivo de que esta
comercialización por adiantado permita aos asistentes -pensando especialmente nos
estradenses- evitar as colas que, como é lóxico, sempre rematan por formarse ao inicio
da degustación da sidra, coa congregación de todo o público participante.
Este ano son 4.000 os vasos conmemorativos que se porán en circulación durante o
evento sidreiro. Na xornada de hoxe estaba vendido algo máis do 20%, confiando en que
o tónica habitual de agardar ás últimas convocatorias faga que mañá se incremente
sensiblemente a venta. Os interesados poden facerse cun vaso no posto habilitado ao
efecto no Novo Mercado, en horario de 10.00 a 14.00.
Cómpre lembrar que o prezo dos vasos é o mesmo que na edición anterior: 7 euros. A
persoa que o adquira poderá degustar ilimitadamente os caldos que ofrecerán os 24
lagares participantes. Concretamente, este ano a Feira da Sidra contará coa presenza
das sidrerías Bereziartua, Astarbe, Somarroza, Carral, Kuartango, Solleiro, Cabueñes,
Pago de Tolina, Sidra del Agüelo, Alfa, Celta Endovelico (Kerné Fuité e La Ferme de Billy),
Cider Talk, Mr Plume, Maeloc, Andaina PSM, Sidra Salvaje, Val de Traba, Sidra Raia, Lagar
de Ribela, Peroja, Camino, López Pampín e Rabiosa. A previsión que se baralla é
escanciar entre 3.000 e 4.000 litros de sidra en dúas quendas, de 12.00 a 15.00 e de
19.00 a 21.00 horas.
Por outro lado, a organización desvelou hoxe a quen se lle concederá o Grolo de Ouro,
unha distinción que o colectivo Maceira e Sidra reserva cada ano para esta cita. Desta
volta escolleu para o recoñecemento á entidade Sidraturismo Asturias, asociación que
ten como obxectivo combinar os sectores sidreiro e turístico, de xeito que se difunda a
sidra e a sidricultura á vez que se xera un recurso turístico diferenciador.
Ruta da Sidra e cata
É esta vertente turística da sidra e a sidricultura un ámbito no que A Estrada pretende
profundar, cuestión á que se agarda axude a Ruta da Sidra, unha iniciativa que será
presentada oficialmente este venres.
Despois da presentación da Ruta da Sidra (11.30 horas na Praza da Constitución), a
actividade continuará no Restaurante Samaná, onde o primeiro sumiller de sidra de
España, Haritz Rodríguez, ofrecerá unha masterclass, de acceso libre e gratuíto, con cata
comentada de sidras do mundo.






































