“Na semana do 15 de setembro será protagonista o
inicio das esperadas obras do Museo Reimóndez Portela para a sua pronta reapertura.
Falamos de obras que teñen que ver coa mellora das súas fachadas, dos paramentos
exteriores, tamén da conservación das paredes interiores, nova instalación eléctrica e
mellora das diferentes carpinterías”. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
anunciaba así esta fin de semana o inminente inicio dos traballos necesarios para
afrontar a reapertura dunha infraestrutura cultural que leva máis dunha década
pechada ao público.
“Son unhas obras que durarán varias semanas e que teñen asociado un importe de
50.000 euros”, continuou Louzao, que informou de que a actuación no tamén
denominado Museo do Pobo Estradense contará coa colaboración da Consellería de
Cultura. “É o impulso necesario para que moi pronto A Estrada volva ter este céntrico
espacio adicado á súa cultura e á súa historia, dous aspectos que centrarán o discurso
museístico”, dixo o rexedor.
Aínda que o arranque das obras demorouse levemente con respecto aos tempos
inicialmente previstos, a actuación ten xa, pois, un horizonte claramente definido e
chega despois de que nos últimos meses se estivera realizando nestas instalacións
municipais a retirada de diverso material que non era susceptible de someterse ao
proceso de catalogación e ordenamento de fondos que se realizará tras a execución das
reformas agora previstas.
Posta a punto
Os traballos supoñen unha actualización e posta a punto do recinto tras anos de peche
continuado, se ben é certo que desta volta se aposta por que o acondicionamento
chegue tamén ao patio exterior para que, cando se produza a pronta reapertura que se
espera, este pase a integrarse ao percorrido expositivo.
Máis polo miúdo, no exterior contémplase a restauración das carpintarías de madeira
mediante un decapado do verniz existente en mal estado, con posterior lixado, novo
vernizado e selado. Pintaranse as reixas situadas tanto nas carpintarías como no peche
da parcela e limparanse os muros de pedra do edificio e do peche da parcela.
Aproveitarase a obra para a retirada de sedimentos da zona empedrada a sementarase
herba na área axardinada.
Xa no interior, as obras contemplan a substitución do cadro eléctrico; lixado e
empastado de paramentos interiores deteriorados pola humidade; aplicación de pintura
plástica satinada e a formación dun falso teito de cartón xeso no despacho situado na
planta alta.
Neste edificio dende 1996
O Museo do Pobo Estradense trasladouse ó edificio que ocupa actualmente no ano
1996, na sede do antigo Matadoiro Municipal. Nos últimos anos o inmoble foi obxecto
de varias actuacións de mellora estrutural e de renovación da cuberta, creándose zonas
novas, como a galería perimetral da nave central.
Aínda que non se ten unha cifra exacta das pezas que integran os fondos do museo que
leva o nome do humanista Manuel Reimóndez Portela, a última estimación barallada
pola dirección apunta a que pode estar por encima das 2.000. Entre elas figuran moitas
etnográficas (algunhas vencelladas ao traballo do liño, á labranza ou á tornaría),
arqueolóxicas, pictóricas ou fotográficas.
Contan as instalacións con cadros de Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Miguel Docampo,
Xesús Muras, Fragoso, Ángel Lemos de los Reyes, Morales, Ramiro Cimadevila, Jano
Sanmartín, Susana Pazo Maside, Santiago Tato, José María Barreiro ou Daniel Cifuentes.
No fondo fotográfico existen negativos de Ovidio Piso ou Celestino Fuentes, entre
outros. Súmanse ao legado que agora poderá exporse novamente maquetas a escala da
antiga e desaparecida igrexa ou o Cruceiro da Estrada.
O MUSEO REIMÓNDEZ PORTELA FIXA NA SEMANA DO 15 DE SETEMBROO INICIO DAS OBRAS PARA AFRONTAR A SÚA REAPERTURA
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































