Os cambios comportan que o transporte de viaxeiros non poderá
empregar ningún destes accesos no momento de encamiñarse ou saír da
estación de autobuses.
A medida busca elevar a seguridade viaria en rúas moi transitadas, con
beirarrúas estreitas e con pasos de peóns pegados á intersección coa
Avenida Benito Vigo.
A xefatura da Policía Local da Estrada anunciou hoxe
cambios que afectan á circulación no casco urbano, concretamente para os autobuses e
o tráfico pesado. As brigadas municipais deixaron xa esta mañá instalada a nova
sinalización vertical que recolle as variacións circulatorias nun dos tramos da Rúa Serafín
Pazo e tamén na Rúa Alfonso Varela Durán. Námbalas dúas queda prohibida a
circulación de autobuses e camións.
Deste xeito, o transporte de viaxeiros non poderá empregar ningún destes accesos no
momento de encamiñarse ou saír da estación de autobuses, como vén sucedendo ata o
de agora.
A medida adoptada pola Policía Local busca incrementar a seguridade viaria nestas dúas
rúas estradenses. No caso do tramo da Serafín Pazo que discorre por diante do Teatro
Principal, sinálase a elevada concorrencia de peóns, non xa só pola proximidade deste
espazo municipal, senón principalmente porque o cruce desta rúa coa Avenida Benito
Vigo está moi preto do acceso á demandada área de estacionamento público situada a
carón do teatro e tamén próximo a unha clínica, de xeito que o tránsito peonil é
constante. A este contexto súmase que as beirarrúas neste tramo da rúa son estreitas.
Similar é a situación da Rúa Alfonso Varela Durán, cun paso de peóns xusto no cruce.
Deste xeito resolveuse que tanto a entrada como a saída de autobuses dende a estación
se artelle unicamente a través da Rúa Matadoiro.
Instalados os sinais, os cambios en materia de circulación teñen efectos inmediatos.







































