Ata o de agora a capital municipal conta con 10 colectores marróns,
orientados a grandes produtores pero tamén ao servizo do resto dos
cidadáns que xa teñan a tarxeta de apertura.
Logo dunha coordinación interna, nas vindeiras semanas distribuiranse
estas chaves dende a Alcaldía para que os cidadáns poidan abrir os
equipos e comezar a realizar os seus depósitos.
Á par, o vindeiro mércores retomaranse as xornadas informativas e de
sensibilización a pé de rúa
O mes de febreiro será o escollido no Concello da
Estrada para a plena incorporación, aínda que paulatina, no quinto contedor, o destinado a
residuos orgánicos. Despois de que nas últimas semanas do mes de decembro chegaran ás
rúas da capital municipal os 10 primeiros colectores marróns, principalmente orientados á
recollida procedente de grandes produtores, o concelleiro de servizos municipais, Óscar
Durán, indicou que nos primeiros días febreiro comezará o desembarco paulatino ata
completar as 60 unidades que está previsto colocar na vila.
Ata o de agora, A Estrada seleccionou 10 primeiros emprazamentos para estes colectores.
Están emprazados na Avenida de Pontevedra (no entorno do supermercado Familia),
Avenida de Santiago (nas inmediacións dos establecementos Invictus e Inferno), Avenida
de Benito Vigo (xunto Froitería Doi e Froiz), Avenida Benito Vigo (á altura do número 24,
próximo ao restaurante Gran Vía e Mesón da Estrada), Avenida de Vigo (parte posterior
do supermercado Froiz), Rúa Iryda (fronte supermercado Familia), Praza de Abastos, Rúa
Gradín (xunto Restaurante Samaná), Rúa Leicures (ao inicio, no entorno de restaurante
Manxares e outros establecementos da contorna), Rúa 56 (Hostal A Bombilla).
Aínda que se pensara nestas primeiras unidades como puntos de depósito para os
grandes produtores de residuos orgánicos, todos eles poden ser empregados tamén por
particulares que desexen irse incorporando voluntariamente a este vertido e que teñan
retirada a tarxeta que se precisa para apertura dos contedores.
Neste senso, Óscar Durán avanzou que xusto antes de que se instalen os novos equipos
o Concello emprenderá unha distribución das tarxetas necesarias para a súa apertura.
Logo dunha coordinación interna para artellar como se realizará esta entrega (para a que
haberá un formulario específico), dende a administración municipal anunciarase o día
no que comezará esta distribución a través da Alcaldía, que terá que ser ao longo das
dúas últimas semanas do mes de xaneiro.
O concelleiro de Servizos Municipais informou tamén hoxe de que regresan as xornadas
formativas e de sensibilización para a chegada do quinto colector. O vindeiro mércores
estes puntos informativos estarán novamente na vila, ofrecendo tamén aos interesados
os kits de benvida, que constan dun cubo aireado, un pack de bolsas compostables e un
folleto informativo.
Recollida
En canto á frecuencia de recollida, a idea inicial é que quede establecida dúas veces por
semana, os martes e xoves, asumindo que o volume será reducido nesta primeira etapa.
En todo caso, o responsable de Servizos Municipais sinalou que esta frecuencia poderá
modificarse en función de como evolucione o depósito de residuos orgánicos.
Noutra orde de cousas, logo da parada motivada polas festas de Nadal, xa se retomou a
distribución dos 500 composteiros asignados para vivendas emprazadas no ámbito
rural.







































