O anuncio faise en Rianxo, nos actos que conmemoran o nacemento de
Castelao e nos que se profundou na figura da súa dona estradense.
Os dous concellos terán agora que oficializar o arranque do expediente
co correspondente acordo plenario.
“Esta irmandade entre os dous concellos será o marco no que seguir
divulgando e preservando a historia de Castelao e Virxinia, que é, ao
cabo, a de todos os galegos e galegas”, sinala Gonzalo Louzao.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
desprazouse este mediodía ata Rianxo para asistir aos actos que este concello coruñés
organiza para conmemorar o nacemento de Castelao, contribuíndo a lembrar e divulgar
o seu legado cultural e político. A incorporación do rexedor estradense na ofrenda floral
e na presentación dun cadro doado á Fundación Castelao polo artista Fernando Yáñez
tivo un marcado carácter simbólico. Foi no Pazo de Martelo onde se anunciou a
intención de dar pasos para oficializar un irmanamento entre estes dous municipios, que
teñen como nexo común a unión do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e da
estradense Virxinia Pereira Renda.
Os alcalde estradense e o rexedor de Rianxo, Julián Bustelo, xa mantiveran meses atrás
un encontro para programar conxuntamente iniciativas culturais. “Somos dous concellos
unidos por esta parella”, apuntou Louzao, que trasladou entón a intención dos gobernos da
Estrada e Rianxo de buscar iniciativas nas que se celebre unha figura tan emblemática como
é a de Castelao, pero unindo as súas orixes de Rianxo co forte vínculo que tivo o
emblemático autor e galeguista coa Estrada, a raíz do seu casamento con Virxinia Pereira.
Durante o seu discurso, e perante a presenza do presidente da Fundación Castelao, Miguel
Anxo Seixas, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, o subdelegado do Goberno na
Coruña e un representante da Deputación coruñesa, o alcalde de Rianxo chamou pola da
Estrada e, xuntos, anunciaron a intención de que os seus respectivos concellos emprendan
este proceso. O pano de fondo do anuncio foi un cartel no que, de xeito intencionado, a
rostro de Virxinia Pereira destacaba sobre o de Castelao, en primeiro plano.

“Estes dous municipios, un de interior e da provincia de Pontevedra, outro de costa e na
da Coruña, danse hoxe a man como irmáns, unidos pola que foi unha parella
transcendental para a historia de Galicia e para a galeguidade”, dixo o mandatario
estradense, asumindo que a este simbólico paso terán agora que dar continuidade os
correspondentes acordos plenarios nos dous municipios e o trámite administrativo e
oficial que comportan este tipo de expedientes de irmandade.
Tras sinalar que os actos celebrados este mes en Rianxo dan continuidade neste 2026 ao
Ano Castelao que se conmemorou en Galicia enteira ao longo de 2025, Gonzalo Louzao
puxo o acento en que “na Estrada, este universo Castelao terá tamén moita presenza e
continuidade no 2026 a través do Ano Cultural Virxinia Pereira, a estradense que o
insigne galeguista escolleu como compañeira de vida, de alegrías, sufrimentos e tamén
do profundo amor por Galicia e pola nosa lingua”.
De seguido, o alcalde estradense afondou na figura de Virxinia Pereira. “Non foi só a
dona de Castelao; non foi só a súa abnegada compañeira. Sen ela, o legado artístico de
Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego”, dixo. “Virxinia non ten obra de
seu, pero ten un inmenso valor”. “Na Estrada estamos convencidos de que non temos
que pensar que a grandeza de Virxinia estivese detrás da de Castelao, porque ela estaba
ao seu carón. Virxinia estaba á par de Castelao sempre. Foi a súa compañeira de vida e de
loita, sendo fiel ao seu compromiso e ideais, tamén cando el xa non estaba”, apuntou.
Un forte vínculo
Louzao Dono lembrou aos presentes o forte vínculo que Castelao tiña coa Estrada.
“Mocearon e casaron na Estrada, onde paisaxes e patrimonio deixaron pegada na obra
do autor. Tamén na Estrada, no cemiterio de Figueiroa, descansan Virxinia e Xesús, o
único fillo do matrimonio. No marco deste Ano Cultural a nosa idea é que unha escultura
lembre a esta familia nun lugar que leva un nome que non podía ser máis axeitado para
eles: Praza de Galicia”, trasladou.
“Non hai moito tempo lin completa a carta que Castelao dedicou aos estradenses dende
o exilio, e teño que dicir que me emociona profundamente, como estradense e como
alcalde”, confesou o mandatario. “Nela latexa o amor que tiña pola terra da súa Virxinia,
que me atrevería a dicir que tamén chegou a sentir como propia”, apuntou.
Gonzalo Louzao considerou “tan simbólico como fundamental” que A Estrada e Rianxo
estreiten lazos, unindo estes municipios como fixeron na súa vida Castelao e Virxinia.
“Esta irmandade entre concellos será o marco no que seguir divulgando e preservando a
súa historia que é, ao cabo, a de todos os galegos e galegas”, concluíu.






































